FERNANDO ALARZA, NA PRIMEIRA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS EN ABU DHABI ESTA FIN DE SEMANA

3 de Marzo de 2017

Esta fin de semana comeza a loita polo título mundial de tríatlon 2017. A primeira proba das Series Mundiais celebrarase esta fin de semana  en Abu Dhabi, coa participación de Fernando Alarza, que o pasado ano acadou a terceira posición nas series mundiais. Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) adestra no Grupo de Alto Rendemento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e con ficha galega, baixo as ordes de Omar González. A proba será retransmitida pola TVG (sábado 4 de marzo, 12:50 horas a través da web).

O ferrolán e cinco veces campión do mundo Javi Gómez Noya volve ás Series Mundiais despois da pasada tempada case baleira por lesión, e farao nunha proba na que estarán as primeiras espadas mundais: Mario Mola (actual campión), Fernando Alarza (3º), Richard Murray, Vicent Luis ou Crisanto Grajales.

A proba de Abu Dhabi celebrarase na distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 de ciclismo e 10 de carreira a pe) nun trazado completamente chairo.

As Series Mundiais de Tríatlon 2017 están formadas por nove probas que se disputarán en Abu Dhabi, Costa Dourada (Australia), Yokohama (O Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá), Montreal (Canadá), Estocolmo (Suecia), e Rotterdam (Países Baixos).

Quizáis che interese…