MARINA GONZÁLEZ E MANUEL ÁNGEL PENAS GAÑAN EN ARTEIXO A ÚLTIMA PROBA DO CIRCUÍTO GALEGO DE DÚATLON

26 de Marzo de 2017

Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo) e Manuel Ángel Penas (Tríatlon Arteixo) proclamáronse hoxe vencedores da quinta e última proba do Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2017, o II Dúatlon Concello de Arteixo, no que participaron uns 160 deportistas.

Na categoría feminina, comezou mandando no primeiro segmento Margarita Villaverde (GV Sports), que chegou á T-1 na primeira posición por diante de Karola Böhme (Náutico de Narón) e Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo). Pero a bicicleta foi definitiva, xa que Marina González logrou escaparse e chegar á segunda transición cunha cómoda distancia de minuto e medio sobre Karola e uns catro minutos sobre Villaverde. Así o último tramo de carreira a pe foi moito más tranquilo para a deportista do Tri-Penta, que volveu a facer un gran papel (o segundo mellor tempo) e chegou a meta na primeira posición cun tempo de 01:18:44. A segunda posición foi para Karola Böhme (01:20:30) e a terceira para Margarita Villaverde (01:22:46).

Na proba masculina, gran protagonismo para o duatleta do Tríatlon Arteixo, Manuel Ángel Penas, que logrou a vitoria na súa casa. Xa tomou o mando nos primeiros 5 quilómetros de carreira a pe, pero na bicicleta se equilibraron as forzas, de forma que á segunda transición chegou un pequeno grupo de deportistas con opcións de loitar polo triunfo. Pero nos últimos 2,5 quilómetros, novamente Penas foi o mellor e así alcanzou a meta en solitario (01:04:14). A segunda posición foi para Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol) a 29 segundos e o terceiro lugar foi ocupado por Ismael López (Tríatlon Vilagarcía) cun tempo de 01:04:49.

Outros resultados foron:

  • Cadete: Myriam López (Cidade de Lugo Fluvial) e Nicolás Gens (AD Fogar)
  • Júnior: Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol)
  • Sub 23: Balbina Tarrío (Tríatlon Arteixo) e Pedro Álvarez Rodríguez (AD Fogar)
  • Veterán 1: Susana Carreira (Cidade de Lugo Fluvial) e Manuel Ángel Penas (Tríatlon Arteixo)
  • Veterán 2: Manuel González Ojea (Tríatlon Rías Baixas)
  • Clubs: Cidade de Lugo Fluvial (feminino) e Tríatlon Morrazo (masculino).

O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2017 está formado por cinco   probas: Guitiriz, Cidade de Lugo, Riveira, Santiago e Arteixo. Está en  xogo a clasificación para o Galego de Dúatlon, que se celebrará en Vigo o 9 de abril. Cristina Torres (Mar de Vigo) e Manuel Ángel Penas (Tríatlon Arteixo) proclamáronse vencedores do XI Dúatlon Concello de Guitiriz, mentres que en Lugo gañaron Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial). Ademais, Sara Guerrero (Náutico de Narón) e Brais Canosa (Arcade Inforhouse) proclamáronse vencedores do  Dúatlon Concello de Riveira. O pasado domingo, Edymar Daniely Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) venceron no XV Duatlón Cidade de Santiago.

 

 

Quizáis che interese…