O CIDADE DE LUGO FLUVIAL FAI DOBRETE NA LIGA NACIONAL DE CLUBS DE TRÍATLON

3 de Setembro de 2017

O Cidade de Lugo Fluvial segue batendo marcas de forma imparable. Esta fin de semana en Mar de Pulpi logrou revalidar o título na Liga Nacional de Clubs de Tríatlon tanto na categoría masculina coma feminina. Ademais o Tríatlon Ferrol conseguiu o bronce na categoría feminina e o Arcade Inforhouse tamén foi terceiro na masculina.

Era unha fin de semana moi intensa, na que se celebraron a quinta e sexta xornada da Liga Nacional de Tríatlon en Mar de Pulpi e os nosos clubes lograron subirse ao podio sen parar.

O sábado celebrouse o Campionato de España de Tríatlon por Relevos/Parellas (quinta xornada da Liga) e as rapazas do Cidade de Lugo Fluvial lograron proclamarase campioas de España. Ademais, hai que destacar o bronce do Tríatlon Ferrol, que estivo loitando sempre polas primeiras posicións. Na categoría masculina, o Cidade de Lugo Fluvial logrou a medalla de prata, mentres que o Arcade quedou ás beiras do podio, cunha moi boa cuarta posición.

Para pechar a Liga Nacional de Clubs de Tríatlon estreábase en Pulpí o Campionato de España de Tríatlon SuperSprint por equipos, cun novedoso formato de tres series eliminatorias, sumando puntos para o club.  En Primeira Feminina acabou gañando o Tríatlon Ferrol, mentres que a segunda posición foi para o Cidade de Lugo Fluvial. En Primeira División Masculina, o Cidade de Lugo tamén logrou a medalla de prata, mentres que o Arcade Inforhouse foi bronce, nunha proba moi emocionante e rápida.

Desta forma, e trala suma das seis xornadas, O Cidade de Lugo Fluvial logrou revalidar o título do pasado ano tanto na categoría masculina (359 puntos) como na feminina (363 puntos). Ademais, na categoría masculina o Arcade logrou o bronce con 326 puntos e o Tríatlon Ferrol feminino tamén logrou a terceira posición (326).

 

 

Quizáis che interese…