PABLO DAPENA, CAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRÍATLON DE LONGA DISTANCIA, CON GUSTAVO RODRÍGUEZ NA TERCEIRA POSICIÓN

22 de Outubro de 2017

Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial) proclamouse hoxe en Ibiza campión de España de Tríatlon de Longa Distancia, mentres que Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) foi bronce. Dous galegos no podio, para amosar o seu dominio.

Tanto Pablo coma Gustavo fixeron unha campaña espectacular, aínda que nos dous últimos meses o tudense sufriu moito e chegaba a esta proba, na que defendía o título, un pouco canso, tanto física coma mentalmente. Pola súa parte, Pablo combinou o seu salto á  media distancia con actuacións en distancia olímpica ou incluso sprint, e tamén con grandísimos resultados. Da tempada, só se poder destacar como negativo o desgusto do Mundial de Penticton, onde foi descualificado.

Parecía que sería clave o segmento da natación, xa que eran 4 quilómetros que a Gustavo se lle ían facer moi longos. E cumpriuse o previsto. Pablo Dapena saíu da primeira transición moi ben colocado, na segunda posición, mentres que Gustavo era 12º a case oito minutos dos primeiros. Na bicicleta, Emilio Aguayo logra escaparse en solitario e chegou a T-2 con 4:50 de vantaxe sobre Pablo Dapena e case 11 minutos sobre Gustavo Rodríguez, despois de facer 120 quilómetros moi duros e esixentes.

Faltaban os 30 quilómetros de carreira a pe, e comezou a remontada espectacular do pontevedrés, que lle levou a poñerse en cabeza en torno ao quilómetro 12. Por detrás, Gustavo Rodríguez tamén está a recortar, pero finalmente Aguayo logra repoñerse e aguantar esta segunda posición. Desta forma, Pablo Dapena acadou, en medio da choiva, o título de campión de España de Longa Distancia cun tempo final de 5:59:31, mentres que segundo clasificado foi Emilio Aguayo (06:05:25) e Gustavo Rodríguez, bronce (06:06:43).

 

 

 

Quizáis che interese…