Cidade de Lugo Fluvial feminino, prata no Campionato de España de Dúatlon Contrarreloxo por equipos

21 de Abril de 2018

O Cidade de Lugo Fluvial feminino logrou hoxe en Soria a medalla de prata no Campionato de España de Dúatlon contrarreloxo por equipos (cuarta xornada da Liga Nacional de Clubs de Dúatlon).

O conxunto galego -con Sara Alemany, María Jesús Coya, María Rico, Nuria Rodríguez e Lucía Vergara- fixo unha magnífica proba, o que lle permitiu acadar esta medalla de prata, so por detrás de Diablillos de Rivas. Así se aperta aínda máis a clasificación da Liga Nacional de Clubs, na que ambos conxuntos loitan polo triunfo.

Este foi o mellor resultado galego acadado hoxe en Soria. Na categoría feminina, o Náutico de Narón foi noveno, mentres que o Tri-Penta Terras de Lugo (sen Joselyn Brea) foi décimo.

Na categoría masculina non houbo medallas galegas. O título foi para o Ascentium Araba Tri, mentres que o equipo galego mellor clasificado foi o Arcade Inforhouse –con Brais Canosa, Alejandro Cañas, Alberto Castiñeira, Ignacio González e Diego Paz-, na quinta posición.

Esta proba disputouse sobre a distancia sprint (5 quilómetros de carreira a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe). Cada equipo, que foi saíndo de forma individualizada, podía estar formado por entre 4 e 6 integrantes, e o tempo quedaba marcado polo cuarto integrante que chega á meta.

O domingo 22 de abril celebrarase o Campionato de España de Dúatlon por relevos. Esta modalidade resulta moi atractiva e espectacular para o público. Neste torneo os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno dúatlon (2 quilómetros de carreira a pe, 5,3 quilómetros de bicicleta e 1.000 metros de carreira a pe). Terá lugar a partir das 9:00 horas e tamén se celebrará en elite, open e escolar.

 

 

 

Quizáis che interese…