Este sábado 12 de maio celebrarase en Vedra a final galega do programa de Dúatlon Escolar do presente ano, para a que se clasificaron un total de 110 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. As probas comezarán ás 16:30 horas coa saída benxamín feminina, mentres que a última saída terá lugar ás 19:20 horas (cadete masculino). A final galega do dúatlon escolar celebrarse na Carballeira do Souto (Vedra).
As distancias son diferentes segundo a categoría: Na proba benxamín os participantes correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e rematarán con 250 metros de carreira a pe. En alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil os duatletas realizarán 1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e en cadete os participantes farán 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta e 1 quilómetro de carreira.
O programa de Dúatlon Escolar consta de varias probas locais ou zonais (Santiago, Lugo, Carballo e Maceda), nas que se clasificaron os 25 mellores por categoría e sexo para as provinciais –que se celebraron a mediados de abril- e aquí lograron o pase ao Galego os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.