O DOMINGO 19 DISPUTARASE O GALEGO DE TRÍATLON EN FERROL CON PRETO DE 400 PARTICIPANTES EN TODAS AS PROBAS

16 de Agosto de 2018

Ferrol acolle este domingo 19 de agosto o  XVIII Tríatlon Cidade de Ferrol, coa participación de preto de 400 deportistas nas diferentes probas previstas. Esta proba será ademais o Campionato Galego de Tríatlon de Estrada da distancia Sprint, e ao longo do día tamén se celebrarán  dúas probas populares e un Nada e Corre non competitivo.

A primeira das probas en celebrarase será o Nada e Corre (10:15 horas) para as categorías benxamín e alevín (non competitivo), no que os 32 pequenos inscritos terán que facer 150 metros de natación e 500 de carreira a pe. Tamén se disputarán dúas probas populares con diferentes distancias: Ás 10:30 horas comezará a proba minisprint (300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2,5 de carreira a pe) con 75 participantes e posteriormente (11:30 horas) a popular sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe) con 120 triatletas na inscrición.

O Campionato Galego feminino (12:45 horas) contará con deportistas de gran nivel na súa saída, coma a actual campioa galega, Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), Camila Alonso (Tríatlon Ferrol), Penélope Martínez (Tríatlon Arteixo), Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial), Inés Santiago (Tríatlon Ferrol), Saleta Castro (Cidade de Lugo Fluvial), Edymar Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), Inés Castaño (Arcade Inforhouse) ou Carmén Gómez (Tríatlon Ferrol). E sen esquecer as cadetes que están a facer unha tempada excepcional, como Natalia Castro (Motobike Galaico Pontevedra), Elsa Pena (Cidade de Lugo) ou Carla Guisande (Cidade de Lugo), entre outras deportistas destacadas. En total 59 triatletas inscritas na proba feminina.

A proba masculina, con 76 participantes, comezará ás 13:45 horas e será sen dúbida unha carreira de enorme calidade. Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), que volveu á competición a pasada fin de semana despois de máis dun mes de ausencia por unha lesión, defende o título galego (venceu en 2015, 2016 e 2017). Outros nomes destacados son Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol), Brais Canosa (Arcade Inforhouse), Ismael Viéitez (Tríatlon Arteixo), Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo), Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial), Martín Carrera (Natación Riveira) ou Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo). Tamén na proba masculina, moitos deportistas moi novos de gran proxección coma os cadetes Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial), Jorge González (Natación Riveira) ou Martín Cando (Cidade de Lugo Fluvial).

O Galego disputarase sobre a distancia sprint e a saída, transición e meta estarán instaladas no porto de Ferrol. Para poder participar nesta proba as e os participantes tiveron que lograr a clasificación nas diferentes probas que conforman o circuíto galego de tríatlon de estrada.

2017. Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse o pasado ano campións galegos de tríatlon, no Tríatlon Cidade de Pontevedra.

 

Quizáis che interese…