JAVIER GÓMEZ NOYA DISPUTARÁ O DOMINGO 1 DE SETEMBRO O CAMPIONATO DO MUNDO DE 51.50 EN ESTADOS UNIDOS

29 de Agosto de 2013

O galego Javier Gómez Noya participará esta fin de semana en Des Moines (Estados Unidos) no Campionato do Mundo de 51.50, organizado pola empresa Ironman. É una especialidade diferente que se disputa sobre a distancia olímpica, pero coa novidade de que o segmento de bicicleta é en contrarreloxo, sen a posibilidade de facer o ciclismo á roda doutro participante. Ademais, o ferrolán defenderá título, porque no 2012 logrou vencer neste mundial  precisamente trala disputa dos Xogos Olímpicos.

Esta proba, que se disputará o domingo 1 de setembro, conta co patrocinio da empresa Ironman, que despois do éxito acadado nas probas de longa distancia, decidiu apostar pola distancia olímpica pero seguindo a normativa estadounidense, pola que a bicicleta é individual e se disputa en bicicleta de contrarreloxo. O principal aliciente destas probas son os elevados premios que reparte esta empresa entre os gañadores.

O circuíto 51.50 (que recolle a suma total dos quilómetros disputados -1,5 natación, 40 quilómetros de bici e 10 de carreira a pe-) consta de varias probas e os trinta mellores clasificados logran a clasificación para a gran final, que é a que se disputa este domingo.  No caso do galego, só tivo que participar nunha proba (no Europeo de Suíza, onde gañou) xa que defende o título acadado o pasado ano.

Javi xa se atopa en Des Moines e polo que conta no seu twitter terá un rival extra, que será a temperatura, que está preto dos corenta grados. Pero ademais da temperatura parece que o principal contrincante é o alemán Jan Frodeno (campión olímpico), que apostou por esta proban deixando de lado a final das Series Mundiais en Londres dentro de dúas semanas. Xunto a eles, os protagonistas serán os deportistas americanos, que son os que están apostando polo torneo 51.50.

Quizáis che interese…