Bo debú para Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) na distancia olímpica. A galega rematou na cuarta posición na Copa Americana de Tríatlon na Habana. Pola súa banda, Inés Castaño (Arcade Inforhouse) foi undécima.
Iria fixo unha proba moi regular a pesar das duras condicións nas que se desenvolveu a proba (moito vento, calor e humidade). Foi en cabeza durante a natación e logrou meterse na escapada boa, na que figuraban 5 triatletas que chegaron a segunda transición con máis de tres minutos sobre o grupo perseguidor.
Así o triunfo ía a decidirse entre elas na carreira a pe. E Iria estivo na loita polo podio ata os últimos quilómetros, nos que foi superada pola coreana Jang. O podio quedou formado por: Lina María Raga (Colombia) na primeira posición; con Leslie Amat (Cuba) na segunda posición e Yun-Jung Jang, terceira. O tempo final de Iria Rodríguez foi de 02:07:55.
Pola súa banda, Inés Castaño quedou cortada na natación por moi pouco. Saíu da auga xunto a unha americana, pero na bicicleta non puido manter o seu ritmo e quedou descolgada, para rematar na undécima posición e sen sumar puntos para o ranking mundial. De todas formas, é unha proba para sumar experiencia a nivel internacional e ir medrando. Ambas participarán a próxima semana na Copa Americana de Playa Hermosa (Costa Rica).
https://www.triathlon.org/results/result/2019_habana_camtri_triathlon_american_cup/336639