A FEDERACIÓN GALEGA DE TRÍATLON COMEZA O 2014 CON VARIAS ACCIÓNS FORMATIVAS

23 de Xaneiro de 2014

A Federación Galega de Tríatlon comeza o an 2014 con varias accións formativas adicadas aos técnicos e os xuíces. Así, un ano máis, a Federación traballa tanto na formación de adestradores coma de xuíces xa que entende que é necesario para o crecemento do tríatlon galego. No mes de xaneiro celebráronse dous cursos de oficiais e comezou un para adestradores de tríatlon.

Curso de Oficial Técnico N1 de Tríatlon. O 11 de xaneiro  celebráronse dous cursos para xuíces en Ferrol e Sigüeiro (Oroso), cun total de 34 participantes. O seminario tivo unha duración de 8 horas teóricas e os participantes deben completalo con prácticas en tres competicións. Esta actividade estaba destinada a aquelas persoas que querían iniciarse na arbitraxe do tríatlon. Este colectivo está experimentando un gran crecemento nos últimos anos. No 2013 a Fegatri contaba cun total de 63 licenzas de xuíces para dirixir as 40 probas autonómicas e o campionato de España que se organizaron en Galicia.

En Sigüeiro o curso celebrouse no Centro Cultural e a Federación contou coa colaboración do Concello de Oroso, que cedeu as instalacións. Este seminario contou con 12 alumnos e o profesorado estaba formado por Roi Cuba, José Antonio Barreiro e Juan Luis Botana. Ao mesmo tempo, celebrouse en Ferrol (Colexio Mercedarias) outro curso con Miguel Fernández, Mónica Flores e Olga Navarrete como docentes e un total de 22 participantes.

Curso de adestrador de tríatlon nivel 1. O sábado 11 de xaneiro tamén comezou o curso de adestrador de tríatlon nivel 1 en Pontevedra (Centro Galego de Tecnificación Deportiva) con 16 alumnos.

Este curso terá unha duración de cinco fins de semana, ata o día 8 de febreiro no que finalizará. As sesións de traballo desenvólvense en sesións de venres (tarde), sábado (mañá e tarde) e domingo (mañá).  Os alumnos contarán cun grupo docente moi específico e cualificado formado por Omar González, Jonathan Cancelas, Lorena García, Alba Cuba e Luís Piña. Os temas que se abordarán neste bloque específico dedicado ao tríatlon son de adestramentos de natación, ciclismo e carreira, sobre seguridade e hixiene, mecánica, formación específica de deportistas de base, desenvolvemento profesional…

Quizáis che interese…