A mexicana Adriana Barraza (Muralla de Lugo) e Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) lograron proclamarse hoxe, nun día moi desapracible polas adversas condicións meteorolóxicas, gañadores do VIII Duatlón Concello de Guitiriz, no que participaron 220 deportistas. Esta proba forma parte do Circuíto Galego de Duatlón de Estrada e a próxima celebrarase o día 9 de marzo en Lugo.
Na categoría feminina a proba foi dominada de principio a fin pola mexicana Adriana Barraza (Muralla de Lugo). Foi a mellor nos tres segmentos e chegou a meta cun tempo de (1:05:47) e unha cómoda vantaxe de case cinco minutos sobre a segunda. O segundo posto foi para a cadete Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol), que segue amosando o seu crecemento, cun tempo de (1:10:18), mentres que a terceira posición foi para Verónica Montes (Trinity Tríatlon), cun tempo de 1:11:36.
Na categoría masculina, non houbo sorpresas, e Gustavo Rodríguez logrou o triunfo con comodidade. No primeiro sector estivo entre os mellores (cuarto), pero foi na bicicleta onde amosou a súa superioridade na especialidade na que se sinte máis cómodo e logrou o mellor tempo. No último segmento foi controlando as distancias para entrar en meta cun tempo de (58:04). Na segunda posición, o mexicano Abraham Roberto Castellanos (Muralla de Lugo) que foi remontando posicións (58:47) e o terceiro posto foi ocupado por José Ricardo Vega (Muralla de Lugo), que foi o máis rápido nos dous segmentos de carreira a pe, pero fixo unha bicicleta bastante frouxo (posición 19). Iso si, estivo moi cerca do seu compatriota.
Os gañadores do resto das categorías foron:
Cadete: Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) e Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol).
Júnior: Sara Rial (Dexter Tríatlon Compostela) e Francisco Cendán (Dexter Tríatlon Compostela).
Sub 23: Adriana Barranza (Muralla de Lugo) e José Ricardo Vega (Muralla de Lugo).
Veterana/o 1: Belen Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) e Elpidio Gómez (Beariz Tríatlon).
Veterana/o 2: Virginia Jiménez (Roqsport.com-San Roque) e Andrés López (Monte Abaixo).
Clubs: Tríatlon Ferrol (feminina) e Muralla de Lugo (masculino).
O Duatlón de Guitiriz, que se celebrou sobre a distancia sprint (5 quilómetros a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe), tivo como punto de saída e de chegada a Praza da Igrexa nunhas complicadas condicións meteorolóxicas.
O Circuíto Galego de Duatlón de Estrada está formado por catro probas: O Carballiño, Guitiriz, Lugo (9 de marzo) e Vedra (15 de marzo). Todas son clasificatorias para o Campionato Galego (logran praza os 22 primeiros clasificados), que terá lugar en Santiago de Compostela a finais de marzo (día 30). María Ortega e Nan Oliveras, ambos do Tri-Penta Terras de Lugo, proclamáronse gañadores do Aviamandu Concello de O Carballiño, primeira proba do Circuíto Galego de Duatlón de Estrada 2014.