FERNANDO ALARZA, SÉTIMO NA COPA DO MUNDO DE MOOLOOLABA

15 de Marzo de 2014

Bo debú o de Fernando Alarza na Copa do Mundo de Mooloolaba (Australia), primeira Copa do Mundo da tempada, ao lograr un magnífico sétimo posto, nunha proba na que foi de menos a máis. Os outros representantes da Federación Galega de Tríatlon ocuparon posicións máis discretas (Ricardo Hernández foi o 33, mentres que Pablo Dapena, 44). E por suposto, destacar o triunfo do español Mario Mola, que partía como gran favorito e non decepcionou.

Mario estivo dende a natación entre os primeiros clasificados, e non se baixou desta situación de privilexio. Pero foi na carreira a pe onde confirmou o seu triunfo fronte Richard Murray. Tras unha magnífica carreira a pé, Mola cruzaría a liña de meta en primeira posición para proclamarse campión desta primeira proba da Copa do Mundo 2014. A 19 segundos chegaba o sudafricano Murray en segundo lugar, mentres que o suízo Sven Riederer asinaba a presea de bronce a 50 segundos do mallorquino.

Pola súa banda, Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) foi crecendo na proba. Tras unha natación discreta, recuperou na bicicleta onde estivo entre os mellores e confirmou a sétima posición na carreira a pe. O deportista amosábase satisfeito co seu rendemento nesta proba, con triatletas do moi bo nivel. Pola súa banda, Ricardo Hernández (Tri-Penta Terras de Lugo) perdeu vinte segundos na natación, fixo unha moi boa bicicleta, pero estivo bastante frouxo na carreira a pe, polo que rematou a proba na posición 33. Mentres, Pablo Dapena destacou na  bicicleta, sempre cos mellores, pero afundiuse na carreira a pe. Segundo el mesmo comentaba no seu twitter: “Sinceramente… as peores sensacións da miña vida correndo nestes 4 anos que levo en facendo tríatlon. Os pés pegábanseme no chan”.

A Copa do Mundo de Mooloolaba disputouse este sábado de madrugada na  distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pé). Si o ano pasado o vencedor foi Javier Gómez Noya, este ano o triunfo foi para Mario Mola.

Proba feminina. Na categoría feminina, hai que destacar a presenza da  ilicitana do Tríatlon Ferrol Tamara Gómez, quen finalizou a proba na 26ª posición.

Quizáis che interese…