Javier Gómez Noya (Cidade de Lugo), nunha espectacular proba, ocupou a segunda posición na Copa do Mundo de New Plymouth (Nova Zelandia) por detrás de Mario Mola, co que protagonizou un impresionante duelo. Ademais, hai que destacar que Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) estivo moi preto do podio, cunha destacable cuarta posición.
Era a primeira proba do calendario ITU para Javier Gómez Noya e amosou que xa se atopa nun moi bo estado de forma, nunha Copa do Mundo na que competían triatletas tan destacados coma Mario Mola (gañador en Mooloolaba), Joao Silva, Sven Riederer ou Laurent Vidal.
O evento celebrouse en terras neocelandesas na localidade de New Plymouth, rodeada de impresionantes montañas e por un circuíto complicado, que nesta ocasión se celebrou en distancia sprint.
Tras os 750 m de natación o estadounidense Tommy Zaferes lideraba aos 75 participantes cara á T1, para iniciar un sector ciclista que presentaba dende a primeira volta un pelotón na cabeza moi amplo, cuns 35 triatletas e no que figuraban os españois e os homes máis destacados do pelotón. Joao Silva situábase nos primeiros postos dende o principio, mentres que Mola e Noya traballaban por posicionarse mellor durante a transición e así afrontaban os decisivos 5 km de carreira a pé no grupo de cabeza, que incluía a Laurent Vidal, Fernando Alarza e Vincent Luis.
Gómez Noya colocouse rapidamente á fronte do grupo, pero Mola non cedía e seguía o ronsel do galego. Así, chegaron xuntos á zona de meta e nun último impulso o mallorquín logrou impoñerse por escasos tres segundos a Noya para conquistar a súa segunda, e consecutiva, Copa do Mundo ITU. Unha vez máis, ambos os dous triatletas volvéronnos ofrecer un duelo máxico e histórico. Por detrás, Alarza remontaba posicións ata entrar cuarto, a so seis segundos do bronce, o portugués Joao Silva. O terceiro galego en liza, Jesús Gomar (Cidade de Lugo) abandonou.