Este sábado 29 de marzo celebraranse as probas locais do programa “Xogade” de Duatlón Escolar de Guitiriz e Santiago. En total, disputarán as dúas fases case 250 deportistas.
A proba de Santiago celebrarase nos arredores do estadio de San Lázaro a partir das 11:00 horas coa participación de 160 rapaces das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. A fase de Guitiriz terá lugar pola tarde (a partir das 16:00 horas) coa participación de 76 deportistas e a saída, transición e meta estarán ubicadas no campo da feira.
No duatlón escolar as distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil 1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira.
O programa está formado por oito probas locais que son clasificatorias para as provinciais, de onde sairán os participantes na final galega. Clasifican para a provincial os 25 primeiros clasificados de cada categoría (masculino e feminino), ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte, en colaboración coa FEGATRI.