Cinco galegos (Javier Gómez Noya, Uxío Abuín, Ricardo Hernández, Melina Alonso e María Ortega) participarán esta fin de semana na segunda proba das Series Mundiais 2014, que se celebrará en Cidade do Cabo (Sudáfrica). Galicia acude a esta cita con cinco deportistas, a metade dos españois presentes, o cal amosa unha vez máis o alto nivel competitivo das e dos nosos deportistas.
A proba feminina, que se disputará o sábado 26 de abril (15:06 hora española), contará por vez primeira coa participación de Melina Alonso e María Ortega. Será, sen dúbida, un importante reto pero tamén unha posibilidade de ir sumando puntos ITU, co obxectivo de loitar por unha praza nos Xogos de Río.
A proba masculina terá lugar o domingo 27 (15:06) e cunha importantísima participación, na que destaca unha vez máis o duelo entre Gómez Noya e Jonathan Brownlee. Na primeira proba das Series Mundiais 2014, logrou impoñerse o galego, que quere seguir marcando distancias na clasificación provisional para así poder participar no Mundial de Duatlón que se celebrará en Pontevedra (31 de maio e 1 de xuño). Ademais, entre os favoritos figuran Mario Mola ou o local Richard Murray, polo que se presenta unha proba apaixonante.
Pero dende Galicia tamén estaremos pendentes do que fagan Uxío Abuín e Ricardo Hernández (con ficha galega dende que adestra no Grupo de Alto Rendemento do CGTD). Ambos acoden con moita ilusión a esta cita, a pesares de que saben que será un complicado compromiso dado o altísimo nivel dos competidores. O principal problema é para Ricardo, que aínda non se atopa ao cen por cento, despois dunha lesión. O obxectivo para ambos é sumar puntos para o ránking ITU.
A proba de Cidade do Cabo celebrarase na distancia olímpica, é dicir, 1,5 quilómetros de natación, despois realizarán 40 quilómetros de bicicleta e finalizarán cunha carreira a pe de 10 quilómetros. Será a primeira vez que esta cidade sudafricana acolla unha proba das Series Mundiais.
As Series Mundiais contarán este ano con oito probas, das cales xa se disputou Auckland, coa vitoria do galego Gómez Noya. As probas son: Auckland, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Chicago, Hamburgo, Stockholm e Edmonton (a gran final).