Aída Valiño (Cidade de Lugo Fluvial) e Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) proclamáronse campións do I Duatlón de Tomiño, que se celebrou o sábado na localidade pontevedresa coa participación de case trescentos deportistas.
Na carreira feminina, a lucense Aída Valiño foi moi superior ao resto das competidoras en todos os segmentos, e logrou chegar a meta cunha distancia moi cómoda sobre a segunda, Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo). Tamén esta tivo unha proba moi cómoda, xa que a terceira María Martínez (Atletismo Porriño) estaba a moita distancia.
Na proba masculina, Gustavo Rodríguez foi o claro domiñador ao chegar a meta con máis de catro minutos sobre o segundo clasificado. A emoción estivo precisamente na loita por este segundo posto, xa que Nicolás Domínguez (licenza dun día) e Brais Misa (Atletismo Porriño) decidiron a orde no podio no sprint final. A segunda posición foi para Nicolás, mentres que Brais Misa logrou o bronce.