Sara Guerrero (Tríatlon Ferrol) e Diego Paz (Arcade Inforhouse) lograron hoxe, Día das Letras Galegas, proclamarse vencedores do IX Tríatlon de Riazor, primeira proba da tempada galega de tríatlon 2014 e clasificatoria para o Campionato Galego.
En total participaron case 450 deportistas, nas diferentes probas incluídas no programa: Unha proba popular, Nada e Corre e as probas federativas masculina e feminina.
Na proba feminina a cadete Sara Guerrero estivo intratable. A pesar da súa idade foi a mellor nos tres segmentos e dominou a proba cunha enorme superioridade. Así, chegou a meta cun tempo de 1:13:55 e case tres minutos de distancia sobre a segunda clasificada, a tamén cadete Carla Castaño (Arcade Inforhouse) cun tempo de 1:16:40, mentres que terceira foi Marta Barbeito (A.D. Fogar).
Na categoría masculina impúxose un dos favoritos, Diego Paz (Arcade Inforhouse). Paz, tras unha boa natación, perdeu algo de tempo nunha discreta bicicleta, pero remontou sendo o mellor na carreira a pe. Así, logrou o triunfo cun tempo de 1:04:02, con Alejandro Álvarez (Cidade de Lugo Fluvial) na segunda posición (1:04:26). O terceiro posto no podio foi para Víctor Fernández (independente) cun tempo de 1:04:28.
O resto dos gañadores noutras categorías son:
ü Cadete: Sara Guerrero (Tríatlon Ferrol) e Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol).
ü Júnior: Sara Rial (Dexter Tríatlon Compostela) e Ignacio Castro (Arcade Inforhouse).
ü Sub 23: Laura Paola Montes (Galaico Pontevedra) e Diego Paz (Arcade Inforhouse).
ü Veterán 1: Paloma Herbello (Arcade Inforhouse) e Iván Rubio (Muralla de Lugo).
ü Veterán 2: José Manuel Otero (Muralla de Lugo).
ü Clubs: A.D. Fogar (feminino) e Arcade Inforhouse (masculino).
A carreira federada disputouse na modalidade de sprint, con 750 m de natación na praia de Riazor, a continuación 21,2 quilómetros do segmento de ciclismo e finalizaron coa carreira a pe de 5 quilómetros.