CARMEN GÓMEZ LOGRA A CLASIFICACIÓN PARA OS XOGOS OLÍMPICOS DA XUVENTUDE

17 de Maio de 2014

Carmen Gómez logrou hoxe en Weert (Holanda) a clasificación para os próximos Xogos Olímpicos da Xuventude de Nangjing. Carmen conseguiu a segunda posición, nunha apaixonante loita con Cecilia Santamaría que se decidiu ao sprint. O certo e que os tres deportistas galegos presentes neste clasificatorio (Carmen Gómez, Inés Santiago e Andrés Cendán) fixeron un gran papel, ao quedar todos entre os dez primeiros.

Na proba feminina as tres deportistas españolas (as galegas Carmen Gómez e Inés Santiago e a madrileña Cecilia Santamaría) quedaron clasificadas entre as dez primeiras, pero só se podía clasificar unha  deportista por país e categoría, polo que era fundamental quedar por diante en esta loita entre compañeiras.

E así foi. Todo se decidiu nos últimos metros, xa que chegaron xuntas á liña de meta Den-Alberte Kjaer Pedersen, Carmen Gómez e Cecilia Santamaría. O triunfo foi para a danesa (59:07), e na loita polo segundo posto, Carmen (59:09) foi capaz de adiarse e superar a Cecilia (59:10), por só un segundo, e así logrou a clasificación para a cita de Nanjing (do 17 ao 21 de agosto). A galega Inés Santiago rematou na décima posición (59:59) dun total de 66 deportistas.

A proba masculina tamén tivo unha moi boa actuación dos deportistas españois e do galego Andrés Cendán, a pesares de que non puido lograr a clasificación. O andaluz Alberto González, que foi cuarto clasificado (53:09), logrou rematar por diante de Andrés (sexto, 53:44) e así garantir a súa presenza nos Xogos da Xuventude.

A competición desenvolveuse sobre distancia sprint, cun primeiro segmento de 750 m de natación, seguido de tres voltas (17,7 quilómetros en total) ciclistas que incluía un pequeno outeiro. Por último, percorreron 5 quilómetros de carreira a pé por un circuíto polo centro da cidade.

 

Quizáis che interese…