Magníficos resultados para Galicia no Campionato de España de Péntatlon Moderno, que se disputou hoxe 8 de xuño en Sant Cugat del Vallés (Barcelona). As e os deportistas galegos acadaron un total de once medallas (cinco ouros, tres pratas e tres bronces) nunha xornada histórica para o péntatlon galego. Cristóbal Rodríguez, Aroa Freije, Andrea Vidal, Martín Freije e Claudia Gómez proclamáronse campións de España nas súas respectivas categorías.
Na categoría absoluta, segundo título consecutivo de Cristóbal Rodríguez Fidalgo, que fixo unha proba espectacular. Foi o mellor na natación; en esgrima quedou empatado no primeiro posto con Aleix Heredia (e só seis derrotas); na hípica logrou os 300 puntos máximos e rematou o campionato gañando a combinada. Unha proba case perfecta que lle deu o título de campión, por diante de Aleix Heredia.
En xuvenil, Raúl Blanco realizou o seu primeiro péntatlon moderno completo e rendeu a un moi bo nivel. O galego, que logrou a medalla de prata no torneo, fixo unha hípica boísima, sen derrubamentos e dentro do tempo, polo que tivo un magnífico estreo nesta última modalidade.
Na categoría benxamín, Claudia Gómez proclamouse campioa de España, mentres que a su compañeira de selección Mercedes Vila foi bronce (rozando a prata, nunha impresionante remontada final) e Ainhoa Corral, cuarta clasificada. En benxamín masculina, tamén houbo premio para Óscar López, quen logrou a medalla de bronce.
En alevín masculino houbo dobrete no podio, coa prata de Esteban Basanta e o bronce de Lucas Pena. Os éxitos continuaron en infantil con dous campións de España: Andrea Vidal (feminina) e Martín Freije (masculino), mentres que Javier Pena foi prata.
E claro, Aroa Freije volveu a cumprir os prognósticos e arrasou na súa categoría, logrando o triunfo e o título de campioa de España na categoría cadete, amosando unha tremenda superioridade sobre o resto das competidoras. Ademais, Lúa Vidal quedou moi preto das medallas, co seu cuarto posto. Iolanda Rodríguez foi novena.
A proba, que se celebrou no Centro de Alto Rendemento de Sant Cugat del Vallés, comezou ás 08:00 horas e ao longo de todo o día as e os deportistas foron cubrindo as diferentes probas. Os benxamíns, alevíns e infantís realizaron as probas de natación e combinada (carreira e tiro); mentres que os cadetes e xuvenís xa incorporan a especialidade de esgrima e por último, os júnior e sénior, realizaron todas as disciplinas (natación, esgrima, hípica e combinada). Neste campionato, os xuvenís tamén fixeron hípica, aínda que non sumaba para a clasificación.
No ano 2013 Galicia logrou un total de oito medallas (4 ouros, 3 pratas e 1 bronce) no campionato de España Individual de Péntatlon Moderno, que se celebrou o sábado 6 de xullo en Sant Boi de LLobregat (Barcelona). Ademais, hai que destacar que Cristóbal Rodríguez Fidalgo logrou o título de campión de España na categoría absoluta, mentres que Martín Freije (alevín masculino), Andrea Vidal (alevín feminina) e Aroa Freije (cadete feminina) lograron o título de campións de España nas súas respectivas categorías.