Xa está confirmado! A paratriatleta viguesa Susana Rodríguez Gacio poderá loitar polas medallas nos próximos Xogos Paralímpicos de Río. O Comité Paralímpico Internacional confirmou hoxe a inclusión da categoría PT5 feminina (para deportistas con discapacidade visual) no programa dos Xogos de Río.
Será a primeira vez que o paratríatlon está incluído no programa do Xogos Paralímpicos e o CIP nos fixo sufrir ao non incluir a categoría PT5 no calendario inicial. Pero hoxe confirmouse que PT5 feminina forma parte das probas que se disputarán no paratríatlon de Río 2016.
Susana amosou a súa felicidade pola decisión e agora xa pensa no primeiro obxectivo: “Acadar a clasificación para os Xogos, que non é doado. E obviamente o vindeiro ano será o máis esixente”. E despois, “se consigo ir, a por todas. Se Galicia ten un medallista olímpico, porque non tratar de que teña unha paralímpica?”, manifestou a galega.