Club Deportivo Delikia e Cidade de Lugo Fluvial gañan a Copa de la Reina Iberdrola e a Copa del Rey Suzuki de Tríatlon en Águilas

11 de Maio de 2026

O Club Deportivo Delikia feminino e o Cidade de Lugo Fluvial masculino foron os grandes protagonistas do XL Tríatlon Marqués de Águilas tras proclamarse vencedores da Copa da Raíña Iberdrola e da Copa do Rei Suzuki de Tríatlon, respectivamente. Con estes resultados, ambos equipos convértense nos primeiros líderes da Liga Iberdrola e da Liga Suzuki de Tríatlon 2026.

A xornada inaugural das ligas nacionais tamén acolleu a disputa das Copas Federación feminina e masculina, nas que se impuxeron equipos do Cidade de Lugo Fluvial, ademais do Campionato de España de Tríatlon CRE Talentos, cuarta cita da Liga Nacional de Tríatlon Talentos, onde venceron o Náutico de Narón feminino e o Tribarros Villafranca masculino.

Copa da Raíña Iberdrola

O Club Deportivo Delikia, integrado por Andrea Trigo, Natalia Castro, Xisca Tous, Lucía Piñón, Carla Larrabeiti e Gabriela Quintas, levou a vitoria cun tempo de 1:03:14. O Náutico de Narón, vixente campión, foi segundo con 1:03:29, mentres que o Katoa Barcelona completou o podio con 1:04:01. O CEA Bétera e o Deporama Triatlón Soriano finalizaron en cuarta e quinta posición, respectivamente.

Copa do Rei Suzuki

Na categoría masculina, o Cidade de Lugo Fluvial volveu conquistar a Copa do Rei Suzuki tras varios anos sen facelo, grazas á actuación de Andrés Cendán, Antonio Benito, Martín Cando, Guillem Montiel, Jarno Pousada e Marco Pousada, cun rexistro de 55:48. O CEA Bétera foi segundo con 55:53 e o Peñota Dental Triatlón, campión da pasada edición, terceiro con 56:05. O Deportivo Delikia e os Diablillos de Rivas completaron as cinco primeiras posicións.

Campionato de España CRE Talentos

No Campionato de España CRE Talentos, o Náutico de Narón feminino impúxose na categoría absoluta cun tempo de 26:01, por diante do Deportivo Delikia e do Cidade de Lugo Fluvial. Na proba masculina, o triunfo foi para o Tribarros Villafranca, con 22:24, seguido polo Deportivo Delikia e o Triatlón Laguna de Duero.

Campionatos de España de Tríatlon por Relevos

A competición continuou o domingo cos Campionatos de España de Tríatlon por Relevos e Relevos Talentos. Na proba elite feminina, o Náutico de Narón proclamouse campión de España cun tempo de 1:11:09, superando o CEA Bétera e o Deporama Triatlón Soriano nun final moi axustado.

Na categoría masculina, o Cidade de Lugo Fluvial asinou o seu segundo gran triunfo da fin de semana tras impoñerse no Campionato de España de Tríatlon por Relevos. O equipo galego levou a vitoria tras un emocionante sprint final entre catro equipos, cruzando a meta en 1:02:34, apenas un segundo por diante do Deportivo Delikia e tres sobre o Triatlón Albacete Res.

Relevos de Talentos

Nos Campionatos de España de Tríatlon por Relevos de Talentos, o Montilla Córdoba Triatlón logrou a vitoria feminina, mentres que o Club Deportivo Delikia conseguiu o triunfo masculino, pechando así unha intensa e espectacular fin de semana de competición en Águilas, convertida unha vez máis no epicentro do tríatlon nacional.

Copa do Mundo de Tríatlon de Chengdú

A selección española de tríatlon logrou este domingo 10 de maio de 2026 a medalla de ouro na proba de relevo mixto da Copa do Mundo disputada en Chengdú (China), liderando un podio completado por Gran Bretaña e Canadá.

O equipo nacional estivo formado por catro integrantes, entre eles os galegos Sara Guerrero, do Club Náutico de Narón, e Antonio Serrat, do Cidade de Lugo Fluvial, que tiveron unha actuación destacada no triunfo de España.

Sara Guerrero asinou un sólido segmento ciclista que permitiu manter o equipo na loita polas primeiras posicións, mentres que Antonio Serrat protagonizou unha espectacular remontada final para asegurar a vitoria española nunha emocionante competición internacional.

Na proba individual, Sara Guerrero realizou unha gran actuación para finalizar en cuarta posición, quedando moi preto das medallas nunha carreira de alto nivel. Pola súa banda, Antonio Serrat asinou unha sólida sexta praza tras unha competición moi regular de principio a fin. Ademais, o tamén galego Esteban Basanta, do Cidade de Lugo Fluvial, completou a súa participación cunha vixésimo cuarta posición na clasificación final.

 

Quizáis che interese…

Política de cookies

Este sitio web usa cookies para que lle poidamos ofrecer a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no seu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volve ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web lle resultan máis interesantes e útiles.