O Half Triatlón Ribadeo prepara a súa segunda edición o vindeiro 5 de setembro

7 de Agosto de 2026

  • A segunda edición da proba celebrarase o vindeiro 5 de setembro e será puntuable para o Ranking Nacional de Tríatlon de Media e Longa Distancia, contando tamén con modalidade de distancia curta e aquabike.
  • Os percorridos inclúen natación na praia dos Bloques, no interior da ría do Eo; ciclismo polas estradas comarcais da contorna de Ribadeo, achegándose a Trabada; e carreira a pé polo centro da localidade e pola estrada do Faro.

O vindeiro 5 de setembro disputarase a segunda edición do Half Triatlón Ribadeo, coa ría do Eo e a súa contorna como gran atractivo tanto para as e os deportistas que participen nalgunha das tres modalidades da competición —Media Distancia (MD), puntuable para o Ranking Nacional de Tríatlon de Media e Longa Distancia; distancia curta; ou aquabike— como para os acompañantes, grazas ás espectaculares paisaxes e ao valor turístico da zona da Mariña lucense. As inscricións continúan abertas e toda a información pode consultarse aquí.

O segmento de natación desenvolverase nun percorrido entre boias de 1.000 metros, ao que se darán dúas voltas na modalidade Half, e estará situado na praia dos Bloques, no interior da ría, polo que non estará exposto ás diferentes condicións que poden darse no mar Cantábrico. A primeira transición situarase tamén xunto á praia, a apenas 700 metros da segunda transición e da zona de meta, localizada na Praza de España.

O percorrido ciclista constará de dúas voltas na proba de Media Distancia e comezará atravesando a localidade de Ribadeo para continuar por estradas comarcais cun excelente firme e unha paisaxe espectacular. O trazado achégase á localidade de Trabada, completando un total de 81 quilómetros, mentres que a distancia curta realizará a metade do percorrido, do mesmo xeito que sucede no segmento de natación.

Pola súa parte, a carreira a pé iniciarase polo casco histórico de Ribadeo e continuará ata a estrada do Faro, que bordea a ría e conduce ao Faro da Illa Pancha. Trátase dun percorrido de ida e volta no que as e os participantes do Half completarán tres voltas ata sumar un total de 19 quilómetros.

Na primeira edición da proba, celebrada en 2021, proclamáronse vencedores María Vilas, daquela integrante do Club Tríatlon Ondarreta Alcorcón, e Facundo Ismael Medard, do Tríatlon Arteixo. Máis información aquí.

Quizáis che interese…

Política de cookies

Este sitio web usa cookies para que lle poidamos ofrecer a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no seu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volve ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web lle resultan máis interesantes e útiles.