PUNTUABLE PARA O CAMPIONATO ASTUR-GALAICO
Este domingo 9 de agosto celebrarase a XXXVII edición do Tríatlon do Miño, na contorna da Área Recreativa de Los Robles. A proba, organizada polo Cidade de Lugo Fluvial e a Federación Galega de Tríatlon e conta coa colaboración do Concello de Lugo. A proba é de grande interese para o triatlón galego xa que outorgará os títulos de campionato galego de tríatlon 2026, pechará a liga galega de triatlón e puntuará para o Campionato Astur-Galaico 2026 cuxa última proba se organiza en Cadavedo no mes de outubro.
Case 250 participantes entre os que se atopan recoñecidos triatletas galegos de gran nivel nacional e internacional así coma os compoñentes da selección mexicana que un ano máis se atopan adestrando en Lugo. O espectáculo na zona de “Los Robles” estará servido ao longo da mañá.
Celebraranse as dúas probas do Campionato Galego, masculina e feminina sobre distancia sprint e unha de promoción con distancia super sprint. Os deportistas realizarán a natación no Rio Miño, collerán a bicicleta e dirixiranse á estrada de Ombreiro para realziar o ciclismo, rematando cunha carreira a pé no Paseo Fluvial do Miño.
As distancias a percorrer son as seguintes:
Súper Sprint (300 m Natación-10 Km de ciclismo (2 voltas)-2,5 Km de carreira a pé(1 volta)
Sprint (750 m Natación-19,5 Km de ciclismo (4 voltas)-5 Km de carreira a pé(2 voltas)
As probas darán comezo ás 10:00 coa saída super sprint, ás 11:00 será a proba masculina e ás 12:30 será o turno para a feminina.
HORARIOS
10:00h. – Promoción súper sprint
11:00h.– Campionato Galego Masculino
12:30h.– Campionato Galego Feminino
14:00h. –Entrega de Premios
Máis información: https://fegatri.org/evento/xxxvii-triatlon-do-mino/



