O triatleta galego, do Club Cidade de Lugo Fluvial, logra a terceira posición na proba disputada en Chile tras un emocionante sprint final. Andrés Prieto e María Casals tamén destacaron na Copa do Mundo de Hong Kong, cunha oitava e unha décimo terceira posición, respectivamente.
O triatleta galego Antonio Serrat asinou unha gran actuación na Copa do Mundo de Triatlón de Iquique (Chile), disputada este domingo 8 de novembro, ao conquistar a medalla de bronce na categoría masculina.
O deportista do Cidade de Lugo Fluvial foi protagonista dunha carreira moi disputada, na que as posicións de podio se decidiron ata os últimos metros. Serrat loitou polas medallas ata o final e protagonizou un espectacular sprint que lle permitiu cruzar a liña de meta na terceira posición, completando o podio xunto ao estadounidense Middaugh e ao vencedor da proba, o español David Cantero, que se impuxo para conseguir a medalla de ouro.
A participación española en Iquique deixou un balance de tres medallas: o ouro de David Cantero na categoría masculina e os bronces de Antonio Serrat e Marta Pintanel na feminina. No caso de Pintanel, esta medalla supón a segunda da súa xira por Latinoamérica.

O resultado de Serrat en Chile chega despois da súa participación, o pasado 1 de novembro, na Copa do Mundo de San Pedro de la Paz, tamén en Chile, onde o galego rematou na sexta posición.
Dobre representación galega na Copa do Mundo de Hong Kong
A actividade internacional do tríatlon galego completouse tamén o pasado sábado 7 de novembro coa participación de Andrés Prieto, do club AD Fogar, e María Casals, do Cidade de Lugo Fluvial, na Copa do Mundo de Triatlón de Hong Kong.
Ambos os dous deportistas asinaron actuacións destacadas nesta cita internacional. María Casals conseguiu entrar no top 10 da competición feminina, cunha oitava posición, mentres que Andrés Prieto finalizou na décimo terceira praza da proba masculina.



