A deportista do Náutico Narón sobe ao segundo chanzo do podio nunha competición na que España sumou catro medallas. Antonio Serrat e Esteban Basanta tamén finalizaron entre os seis mellores nas súas respectivas probas.
O triatlón galego volveu demostrar o seu excelente nivel no panorama internacional. Sara Guerrero, deportista do Náutico Narón, proclamouse subcampioa na Copa de Europa de triatlón celebrada en Santa Eulària des Riu (Ibiza), tras completar unha brillante actuación que lle permitiu conquistar a medalla de prata.
A galega cruzou a liña de meta cun tempo de 57 minutos e 45 segundos, a 32 segundos da vencedora, a checa Heidi Juránková (57:13). Guerrero foi protagonista desde o comezo da competición, saíndo primeira da auga cun parcial de 9:28 e mantendo as opcións de podio durante o segmento ciclista. Finalmente, unha gran carreira a pé permitiulle asegurar a segunda posición. A española Cristina Jiménez-Orta completou o podio coa medalla de bronce.

O éxito de Sara enmárcase nunha destacada actuación da selección española, que pechou a cita ibicenca con catro medallas. Na categoría masculina, Xavi Cabanilles conseguiu o ouro e Genís Grau a prata, mentres que o podio feminino contou coas medallas de prata de Guerrero e bronce de Jiménez-Orta.
A representación galega tivo tamén protagonismo na categoría masculina. Esteban Basanta Fouz, do Cidade de Lugo Fluvial, asinou unha meritoria sexta posición cun tempo de 51:50, situándose entre os mellores da competición. Pola súa banda, Lucas García e Damián Suárez, ambos do Club Deportivo Delikia, finalizaron nos postos 21 e 22, respectivamente.
Na categoría feminina, María Alzaga, do Náutico Narón, rematou na décimo segunda posición, mentres que Candela Sánchez non puido finalizar a proba.
A fin de semana internacional deixou tamén un buen resultado para Antonio Serrat. O triatleta galego conseguiu a sexta posición na Copa do Mundo de San Pedro de la Paz (Chile), nunha competición na que España tamén destacou, con Marta Pintanel conquistando o ouro e Ana Carballo a prata na categoría feminina.

Ribeira dará o pistoletazo de saída ao programa Nada e Corre 2026
A actualidade do triatlón galego continuará tamén no ámbito autonómico coa posta en marcha do programa Nada e Corre 2026, que celebrará a súa primeira cita o vindeiro 8 de novembro en Ribeira.
A iniciativa está dirixida a deportistas de todas as idades, desde a categoría prebenxamín ata cadete, e contará tamén cunha categoría inclusiva, reforzando así o carácter aberto e participativo do programa.
Como principal novidade desta edición, incorporarase unha categoría absoluta inclusiva, destinada a deportistas nados e nadas no ano 2010 e anteriores, ampliando deste xeito as posibilidades de participación e fomentando a práctica do triatlón para todas as persoas.
Unha nova tempada do Nada e Corre que botará a andar en Ribeira co obxectivo de seguir achegando o deporte combinado ás novas xeracións e promover a inclusión a través da natación e a carreira a pé.
Mais información Nada e Corre: https://fegatri.org/evento/nada-e-corre-ribeira-clasificatoria-zona-3-2026/



