Comeza a tempada de duatlón cross coa celebración da primeira proba do circuíto galego. O sábado 17 de xaneiro (16:00 horas) terá lugar a sétima edición do Duatlón Cross Concello de Beariz, no que están inscritos cen deportistas.
A proba celebrarase sobre a distancia sprint, polo que as e os participantes deberán realizar 6 quilómetros de carreira a pe, 21 en bicicleta de montaña e rematarán con 2,5 quilómetros a pe. Ademais, este ano o Duatlón Cross de Beariz forma parte do Gran Premio Aviamán Cross (que está formado polas probas de Beariz, Boborás e Maside). En 2014, Beariz tivo como gañadores a Gustavo Rodríguez e Aída Valiño, que este ano non participan nesta proba coa que se abre o calendario galego 2015. Falar de favoritos no inicio de tempada é especialmente complicado, pero podemos destacar a presenza entre os inscritos de Darío Manuel Otero (Team Corbelo), Manuel Piñeiro (Beariz), Juan Sebastián Díaz (Monte Abaixo), Enrique Morán (Atletismo Porriño) ou Elpidio Gómez (Beariz), mentres que nas chicas están Belen Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) e María Martínez (licenza dun día).
O Circuíto Galego de Duatlón Cross está formado por tres probas: Beariz, Maside e Samieira. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), xúnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto.