O sábado 28 de febreiro celebrarase o IV Duatlón Concello de Noia, que conta cunha inscrición de case douscentos deportistas (194). Esta proba é a primeira do Circuíto Galego de Duatlón de Estrada.
O Duatlón de Noia, que se celebra sobre a distancia sprint (5 quilómetros a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe), terá como punto de saída, transición e meta a rúa Poeta Avilés de Taramancos.
A proba feminina comezará ás 16:50 horas, mentres que haberá dúas saídas masculinas (ás 15:30 e ás 17:00 para os deportistas de máis nivel). Falar de favoritos no inicio de tempada é especialmente complicado, porque moitos dos participantes enfrontan a primeira proba do ano. Entre os inscritos figuran Brais Misa (Atletismo Porriño), Gustavo Caballero (Club Deportivo Pinarium), Óscar Fernández (Arcade Inforhouse) ou Marcos Mayo (Tríatlon O Treito). Na proba feminina as favoritas son María Martínez (Atletismo Porriño), Priscila Suárez (Tríatlon Ferrol) e Verónica Montes (Trinity Tríatlon).
O Circuíto Galego de Duatlón de Estrada 2015 está formado por tres probas. A primeira é a de Noia; a segunda terá lugar o próximo día 7 de marzo en Guitiriz e a terceira é o Duatlón Concello de Lugo (22 de marzo). Todas son clasificatorias para o Campionato Galego (logran praza os 30 primeiros clasificados), que terá lugar en Santiago de Compostela o 18 de abril.