ESTA FIN DE SEMANA CELEBRARASE EN FERROL A PRIMEIRA PROBA LOCAL DO PROGRAMA “XOGADE” DE DUATLÓN ESCOLAR

26 de Febreiro de 2015

Este domingo 1 marzo comezará o programa “Xogade” de Duatlón Escolar 2015 coa disputa da primeira proba local, que se celebrará en Ferrol (a partir das 11:00 horas). Nesta proba, clasificatoria para o provincial, están inscritos 184 deportistas.

A proba celebrarase no contorno da Malata. No duatlón escolar as distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil, 1,5 quilómetros de carreira,  6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira.

O programa está formado por sete probas locais (dúas por provincia menos en Ourense) que son clasificatorias para as provinciais, de onde sairán os participantes na final galega. Nas probas zonais clasifican os 25 mellores por categoría e sexo e nas provinciais lograrán o pase ao Galego os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.

I Coñece o duatlón. Coincidindo coa celebración do escolar, terá lugar o “I Coñece o duatlón”, que ten como obxectivo dar a coñecer esta modalidade deportiva entre as e os afeccionados ao deporte. Así, será un duatlón de promoción con distancias curtas (2.000 metros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta e 1 quilómetro de carreira), que terá lugar o 1 de marzo (10:00 horas) no contorno da Malata.

Quizáis che interese…