Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo) e María Ortega (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse hoxe en Baiona campións do I Tríatlon Atlántico Baiona – Campionato Galego de Tríatlon Curta Distancia sen Drafting 2015. Foi unha proba espectacular, nun día moi caloroso e con case 400 deportistas.
Na categoría masculina Uxío Abuín non deu opcións a ninguén. Dende o primeiro sector dominou dunha forma rotunda, e fixo unha carreira en absoluta soidade camiño á liña de meta, onde o seu obxectivo era superarse a si mesmo e facer un bo crono final (01:55:42). Así, a emoción quedaba por detrás onde os dous compañeiros do seu equipo, César Saracho e José Ricardo Vega, loitaban polo segundo e terceiro posto da clasificación do Tríatlon Atlántico. Na saída da auga ían bastante parellos, pero Saracho perdeu moito tempo na bicicleta e veuse obrigado a remontar na carreira a pe, onde logrou o terceiro mellor parcial de todos os participantes para acadar a segunda posición (02:04:40) ao sprint superando por só un segundo a Vega (02:04:41).
Na proba feminina tamén houbo unha gañadora moi clara: María Ortega. No seu caso a proba decidiuse na auga. Foi a mellor e logrou máis de catro minutos sobre a súa principal rival, Joselyn Brea, que estivo moi discreta na natación. Así, despois María so tivo que manter as distancias. Joselyn foi a mellor tanto na bicicleta coma na carreira a pe, pero só puido recortar algúns segundos. María Ortega proclamouse campioa galega cun tempo de 02:13:48, mentres que segunda foi Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo, 02:17:11) e na terceira posición colocouse Sonia Pariente (GV Sports Clubs, 02:29:15).
O resto dos gañadores noutras categorías foron:
- Júnior: David Liste (Talleres David Tríatlon Compostela) e Irene Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo).
- Sub 23: César R. Saracho (Tríatlon Arteixo) e Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo).
- Veterán 1: Luis Alberto Paredes (Tríatlon Morrazo) e Paloma Herbello (Arcade Inforhouse).
- Veterán 2: Andrés López Torres (Monte Abaixo) e María del Carmen Cabaleiro (Club Ciclista de la Fuente).
- Veterán 3: Julio Manuel Gallo (licenza dun día)
- Veterán 4: Manuel Cruces (Pinarium)
O Campionato Galego disputouse sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pe) e a saída, boxes e meta estaban situadas na praia de A Barbeira. A principal característica desta proba era que se disputaba sen drafting, é dicir, estaba prohibido ir a roda doutro ciclista ou circular en pelotón.