1.500 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN ESTA FIN DE SEMANA NOS CAMPIONATOS DE ESPAÑA DE TRÍATLON SPRINT E ACUATLÓN DE PONTEVEDRA

18 de Xuño de 2015

Os Campionatos de España de Tríatlon Sprint e de Acuatlón, que se celebrarán os días 20 e 21 de xuño en Pontevedra, reunirán a 1.500 deportistas, entre os cales destaca a presenza do catro veces campión do mundo, Javier Gómez Noya.

 

Hoxe tivo lugar o acto de presentación do evento, no que participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; Javier Gómez Noya; o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís; o director de Competicións da Federación Española de Tríatlon, Jorge García, e a directora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Elena Fernández.

 

O alcalde destacou a aposta da súa cidade polo tríatlon e a súa satisfacción pola participación de Javier Gómez Noya: “Para nos é un orgullo que estea  aquí Javi. Coa súa presenza o campionato é moito máis atractivo para o público e a competición adquire un maior valor deportivo”. Lores recordou que Pontevedra acolle citas nacionais ou internacionais de tríatlon dende hai oito anos e espera continuar esa relación, “a pesar da desilusión de que a Federación Mundial non nos concedeu o Mundial de Duatlón”.

 

O presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís, comezou agradecendo a colaboración do Concello de Pontevedra co tríatlon, así como da Xunta de Galicia. E, por suposto: “Grazas a Javi pola súa presenza, porque é un referente para os nenos e nenas, que esta fin de semana poderán velo. Ë o mellor referente para a mocidade”, expresou o presidente da Galega.

 

Pola súa banda, o catro veces campión do mundo explicou que “a pesar de que non tiña previsto esta participación no meu calendario, ao ver que coincidía ven de datas, decidimos facer un pequeno cambio na preparación e poder competir, aínda que non chegarei nas mellores condicións, xa que nos atopamos nun momento de forte carga de traballo”. Iso si, asegurou que “cando saía a competir, tentarei gañar, coma sempre”. Gómez Noya indicou que competirá seguro na proba de Tríatlon Sprint e que aínda non decidiu se tamén estará na liña de saída no Campionato de Acuatlón.

 

Ao falar sobre a tempada, Gómez Noya volveu a insistir en que “o Mundial non é o meu obxectivo prioritario para a presente tempada, aínda que se ao final estou en condicións de loitar polo título, fareino. O meu principal obxectivo é prepararme o mellor posible para os Xogos Olímpícos de Río”.

 

Por último, sinalar que o representante da Federación Española de Tríatlon destacou a excelente colaboración co Concello de Pontevedra “dende o ano 2008 fomos encadeando competicións nacionais e internacionais e así Pontevedra converteuse nun referente mundial”.

DOSSIER TRIATLON-ACUATLON 2015

Quizáis che interese…