JAVIER GÓMEZ NOYA REINOU EN PONTEVEDRA

20 de Xuño de 2015

Javier Gómez Noya (Cidade de Lugo Fluvial) volveu a Pontevedra para gañar. O galego, que adestrara e forte pola mañá, realizaba a segunda sesión de traballo do día en competición e cuns deportistas que querían gozar da oportunidade de competir co mellor triatleta do mundo. Así, tivo que traballar e moito para entrar en solitario pola liña de meta do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, precisamente onde comezou a súa carreira deportiva xa hai bastantes anos.

 

A expectación por ver a Javi Gómez Noya en acción era evidente no ateigado que se atopaba o circuíto. Na Ponte dos Tirante, cheo ata a bandeira para amosar o cariño por un deportista que se gana ao público con cada acción e cada xesto. Así, a súa presenza en Pontevedra foi un reclamo espectacular para o público, que non deixou de animar aos deportistas dende o inicio. Os cen deportistas saltaron ás augas do Lérez sen neopreno pola alta temperatura e tendo claro que había fortes correntes, como xa sucedera coas rapazas. 750 metros por diante para medir as forzas e o certo foi que aínda que Javi estaba no grupo cabeceiro, non ía en solitario. Saíu da auga xunto a David Castro e Guillén Rojas, e así chegaron e saíron da primeira transición, cun trío en cabeza. Pero moi pronto, na primeira volta de ciclismo, o trío converteuse en cuarteto, ao incorporarse ao grupo Ricardo Hernández, que tamén coñece a perfección este circuíto. Estes catro deportistas marcan un ritmo altísimo, a máis de 40 quilómetros hora, e ninguén quería descolgarse. Javi e Ricardo traballaron arreo para aumentar as distancias, e así chegaron á segunda transición cun oco importante sobre os perseguidores e seguros de que o podio estaría entre eles. E nese intre foi cando Gómez Noya amosou a súa superioridade e deixou atrás aos compañeiros de escapada. Puido entrar en solitario e gozar do cariñoso aplauso do público que enchía as gradas e os lateral da liña de meta. Javier Gómez Noya proclamouse campión de España de tríatlon sprint cun tempo de 55:02, David Castro na segunda posición (56:03) e Nan Oliveras foi o terceiro clasificado (56:10). Na clasificación de clubs elite masculino, triunfo para o Cidade de Lugo Fluvial.

 

Na categoría sub 23, proclamouse campión de España David Castro, mentres que segundo clasificado foi Nan Oliveras e o bronce, Antonio Benito (Cidade de Lugo Fluvial). Na clasificacións de clubs 23 masculino, o campión de España é Diablillos de Rivas.

 

Declaracións Javi:

 

“A idea era gañar, pero ademais estou contento porque fixen unha boa carreira. Estou satisfeito polo resultado, por correr en casa e polo cariño do público.  O público de Pontevedra xa demostrou noutras ocasións que sempre responde. Estou moi agradecido a eles por estar aquí con esta calor”, indicou o campión do mundo. Javi quixo deixar claro que co título non se gañan as carreiras: “Non podes relaxarte nunca e ademais nesta carreira había un nivel altísimo. Estaba, Pevtsov, terceiro nos Xogos Europeos hai uns días, e non podes despistarte nunca”. O galego xa anunciou que tamén competirá en acuatlón mañá: “Xa que estamos aquí, quero apoiar este evento”.

Quizáis che interese…