Trala disputa do Campionato do Mundo de paratriatlon en Chicago, a galega Susana Rodríguez Gacio encabeza o ranking da clasificación Paralímpica de Río na categoría de PT5 (deportistas con discapacidade visual).
Susana, que logrou a medalla de bronce mundialista en Chicago, ocupa a primeira posición cun total de 1.114 puntos, mentres que na segunda posición está Patricia Wals (Estados Unidos) con 1.069. A terceira posición é para Katie Kelly (Australia) con 1.000 puntos.
Despois do bronce acadado o venres, Susana ten case medio billete para os Xogos Paralímpicos de Río, onde o tríatlon entra por vez primeira no programa paralímpico.