JAVIER GÓMEZ NOYA, PENTACAMPIÓN DO MUNDO

20 de Setembro de 2015

Cinco veces campión do mundo. Javier Gómez Noya segue facendo historia no deporte galego e mundial. Hoxe acadou o quinto título de campión do mundo de tríatlon e logrou así algo que ningún home ten no seu poder. Un novo fito histórico para o noso deportista.

CPTiUV0UcAACXZ2Esta madrugada, Gómez Noya tivo en pe a todo o tríatlon galego pendente da Gran Final de Chicago, na que se xogaba o quinto campionato do mundo. E o ferrolán non fallou. Nunca o fai nas grandes citas e hoxe non foi diferente. Controlou a proba en todo momento e chegou a meta na segunda posición por detrás de Mario Mola. Máis que suficiente para confirmar o título mundial.

Toda a programación da Gran Final de Chicago estivo alterada polo mal tempo e, a pesar da importante mellora das últimas horas, tamén afectou a Gran Final elite masculina. A treboada da noite anterior soltou o pontón de saída de forma que os 1.500 metros de natación tiveron que ser seguidos, sen saír aos 750 metros como estaba previsto.

Pero o máis sorprendente foi ver entre os primeiros a Mario Mola, que normalmente queda retrasado na natación. E non só saíu cos mellores, senón que incluso tentou poñer a proba a Javi nestes primeiros metros da bicicleta, ao formarse un grupo en cabeza con Mario Mola e Vincent Luis. Foron só uns segundos, pero uns momentos de tensión ata que Javi, xunto con Alarza, lograron alcanzalos antes de cumprirse o primeiro paso por meta. E despois duns inicios moi fortes e tensos na bicicleta, que levou a Murray a un segundo grupo a case un minuto de distancia, o grupo cabeceiro baixou o ritmo de forma clara. Jonathan Bronwlee desesperaba tentando que o resto dos triatletas aumentasen o ritmo, pero ninguén quería desgastarse ante unha carreira a pe que se amosaba decisiva.

Así, o grupo de Murray enganchou e chegaron a T2 case 60 corredores á vez. A pesar do concurrida que estivo a zona, Javi saiu perfectamente colocado e xa nuns metros estaba en cabeza xunto a Mario Mola, Vincent Luis e Jonathan Brownlee. Pero foi so un espellismo. Moi pronto, Brownlee e Luis foron quedando descolgados, mentres que Javi e Mario marchaban firmes en cabeza. Por detrás, moi preto, Fernando Alarza, que quería seguir loitando polo podio no mundial.

Moi pronto quedou claro que o triunfo era cousa de dous e que o título mundial era para Javi Gómez Noya. A pesar de que o título estaba no peto, o ferrolán atacou varias veces buscando o triunfo tamén nesta proba. Intentouno varias veces a falta duns quilómetros, porque sabía que no sprint final Mario Mola é máis rápido. Pero o mallorquín non se despegaba, aguantaba sabedor das súas cualidades. Así, a falta de trescentos metros atacou a Javi e marchou cara a meta cunha forza irresistible. Triunfo para Mario Mola (01:44:53), mentres que segundo foi Javi Gómez Noya a catro segundos, e terceiro Murray, que foi remontando toda a proba ata o bronce. Fernando Alarza, que chegou a ir terceiro, perdeu algunhas posicións nos últimos metros, e entrou en meta na sexta posición por detrás de Vincent Luis.

Clasificación do Mundial. Trala disputa da Gran Final de Chicago, Javier Gómez Noya proclamouse campión do mundo de tríatlon 2015 con 4.930 puntos. A segunda posición foi para Mario Mola e o terceiro, Vincent Luis. Destacar a magnífica quinta posición de Fernando Alarza na clasificación do mundial con 3.774 puntos.

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...