Javier Gómez Noya (1:51:32) foi segundo na proba de Madrid das Series Mundiais de Tríatlon e con este resultado se sitúa como líder provisional do mundial. O gañador da proba foi Jonathan Brownlee (1:50:42), igual que o pasado ano, que parece sentirse como en casa en Madrid.
A proba foi segundo o guión previsto, con Javi e Jonathan coma protagonistas dende o inicio. Na natación, sen neopreno, os dous estiveron entre os primeiros, e así enfrontaron o segmento da bicicleta onde formaron un grupo de cinco homes (Gómez Noya, Brownlee, Alessandro Fabian, Aaron Royle e Vasiliev) que impuxeron un ritmo imposible para o pelotón. Así, chegaron a segunda transición e ese momento foi decisivo. Jonathan pegou un acelerón e logrou dez segundos de vantaxe sobre Javi que xa foi insalvable. O británico controlou a distancia, para non ter problemas, e Javi tampouco tiña moitas máis reservas segundo explicou el mesmo ao chegar a meta. Así, Jonathan logrou a segunda vitoria do ano e Javi, co segundo posto, certifica o primeiro posto na clasificación provisional do Mundial con 2744 puntos, por diante do portugués Joao Silva (2055 puntos).
Pola súa banda, Uxío Abuín non tivo un bo día e rematou na posición 37 (1:58:59). Foi perdendo posicións pouco a pouco. Comezou cunha natación non demasiado mala, pero foi perdendo forzas a medida que avanzaba a proba.
Circuíto Promaster. Magníficos resultados das e dos galegos no Circuíto Promaster. Óscar Vicente gañou na proba masculina, mentres que Pablo Dapena foi bronce e Aída Valiño prata na categoría feminina. Ademais houbo medallas para os clubs.
Na categoría feminina, Aída Valiño volveu a amosar o seu gran momento de forma, tras conseguir o título de campioa de España de Acuatlón hai uns días. Onte na segunda proba do circuíto WTP Promaster, que se celebrou en Madrid, foi segunda por detrás da súa compañeira de club Ricarda Lisk.
A galega saíu da auga na segunda posición por detrás de Sara Pérez, nadadora olímpica que sempre marca as distancias neste segmento. Pero despois foi Aída a que se escapou, no sector de bicicleta, no que cada día está máis cómoda. Marchou en solitario e chegou a T2 con 53 segundos de distancia sobre Ricarda, que foi a terceira en saír da auga. E xa na carreira a pe a alemá foi recortando distancia pouco a pouco a Aída, que rematou moi cansa, e logrou superala e plantarse na primeira posición en meta. Aída foi prata e Sara Pérez, terceira. Ademais, o Wild Wolf Cidade de Lugo logrou o ouro na categoría de clubs.
Na categoría masculina, os galegos coparon os primeiros postos con catro galegos entre os dez primeiros. Óscar Vicente foi de menos a más, sempre xunto a Miguel Ángel Fidalgo. Saíron xuntos da auga, foron coma un equipo na bicicleta e así chegaron a carreira a pe, remontando posicións ata chegar á cabeza de carreira. Desta forma, o primeiro foi Óscar Vicente que entrou en meta xunto a Fidalgo. Na terceira posición, o galego Pablo Dapena, que entrou a corenta segundos dos primeiros. Ademais, hai que salientar o décimo posto de Diego Paz, así coma as medallas acadados polos clubs: Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial foi primeiro e Arcade Inforhouse, bronce.