Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) acadou a medalla de prata no Campionato de España de Longa Distancia, celebrado hoxe en Ibiza. O tudense fixo unha gran remontada na carreira a pe para lograr esta segunda posición e poñer en apuros ao campión, que foi Carlos López.
Precisamente Carlos López foi o líder dende o inicio. O mallorquín, que destaca principalmente por ser un gran nadador, saíu da auga na primeira posición e moi destacado con máis dun minuto e medio sobre o primeiro grupo e máis de sete minutos sobre Gustavo Rodríguez.
No ciclismo, López non so mantivo a distancia, senón que incluso foi quen de aumentala. López chegou á segunda transición na primeira posición con sete minutos de vantaxe sobre o segundo (Xavier Torrades) e nove e medio sobre Gustavo Rodríguez, que ocupaba a cuarta posición.
Neste último segmento, o cansanzo fixo mella no líder, que sufriu nos últimos dez quilómetros principalmente. Por detrás, Gustavo Rodríguez foi recortando as distancias e superando a rivais ata colocarse segundo. Pero non houbo espazo suficiente para lograr alcanzar ao mallorquín, quen se proclamou campión de España de Tríatlon de Longa Distancia cun tempo de (06:00:29). A segunda posición foi para o galego Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) a pouco máis de tres minutos (06:03:35). O outro galego presente na proba elite, Ricardo Rey (Nosport Limit Trek-Galicia), rematou a proba na 19ª posición cun tempo de 06:41:34.
As distancias neste campionato de longa distancia foron de 4 quilómetros de natación, 116 quilómetros de bicicleta e finalizaron con 30 quilómetros de carreira a pe.