Marcos Mayo (Tríatlon O Treito) e Lara Lois (GV Sports Club) proclamáronse hoxe campións do X Duatlón Cross Concello de Poio, segunda proba do Circuíto Galego de Duatlón Cross 2016 na que participaron 80 deportistas.
A proba masculina estivo moi aberta e con cambios de líder. No primeiro sector mandaba o deportista do club local Juan Sebastián Díaz (Tríatlon Poio). Pero na bicicleta, Marcos Mayo (Tríatlon O Treito) e David Calzas (Costa do Morte) remontaron e lograron poñerse en cabeza cun magnífico segmento, mentres que o líder afundiuse por completo. Así, no terceiro e último segmento, Marcos Mayo soubo administrar a súa distancia e lograr a vitoria (01:35:02) na décima edición do Duatlón Cross Concello de Poio. A segunda posición foi para David Calzas (Costa da Morte) cun tempo de 01:35:52, mentres que o bronce foi para Bruno Daniel Da Silva (01:37:41).
Na categoría feminina, cunha escasa participación, non houbo emoción. Lara Lois (GV Sports Club) logrou poñerse en cabeza dende o inicio da proba e xa non abandonou esta posición, ata chegar a meta cunha superioridade aplastante (01:59:48). Segunda foi María Martínez (licenza dun día) cun tempo de 02:35:46.
Os gañadores noutras categorías foron:
- Veterán: Alejandro González (TRINORTH-NOGASA).
- Clubs: Tríatlon O Treito (categoría masculina).
Os participantes tiveron que correr 6 quilómetros, facer 19,5 quilómetros en bicicleta de montaña e remataron con 3 quilómetros a pe. A saída, meta e transicións estaban situadas no campo de fútbol de Samieira e os circuítos descorreron por pistas forestais e sendeiros bastante técnicos nunha mañá moi agradable para a práctica do deporte.
O Circuíto Galego de Duatlón Cross 2016 está formado por tres probas: Beariz, Samieira e Maside. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Beariz resultaron vencedores Elpidio Gómez (licenza dun día) e María Martínez (Atletismo Porriño).