María Ortega, deportista que adestra do no Grupo de Alto Rendemento do CGTD, rematou na sexta posición na Copa África Sprint de Larache, que se celebrou onte. Foi o mellor resultados dos deportistas da Federación Galega de Tríatlon presentes na cidade africana: Luismi Velásquez (venezolano con licenza galega que adestra no CGTD) foi undécimo na proba masculina, despois de facer un grandísimo traballo e sufrir unha caída durante o segmento de bicicleta cando ía no trío de cabeza.
María Ortega, que está tendo problemas para adestrar por culpa dunhas molestias que non lle permiten traballar a natación, cumpriu coa súa sexta posición (01:11:44). A francesa Mathilde Gautier foi a vencedora cun tempo de 01:06:50.
Na proba masculina, Luismi Velásquez foi un dos protagonistas da proba, ao participar de forma activa na escapada que foi decisiva ao final. O integrante do grupo de Alto Rendemento do CGTD ía en cabeza xunto a Ricardo Hernández e o francés Shaw, despois de facer todos eles unha boa natación. Os tres traballaron moi ben no ciclismo e lograron aumentar as distancias, pero Luismi caeu e quedou fóra das opcións de loitar polo podio. Ao final, triunfo para Raoul Shaw, mentres que segundo foi Ricardo Hernández e bronce, Jesús Gomar. Luismi Velásquez ocupou a 11ª posición cun tempo de 00:58:21. Carlos Brión foi 19º (01:00:59), mentres que Iago Lorenzo foi 24º (01:06:29).