Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial) e Sonia Pariente (GV Sport) proclamáronse hoxe campións galegos de tríatlon de media distancia, no I Tríatlon de Media Distancia de Sanxenxo coa participación de 120 deportistas.
Era a primeira participación de Dapena na media distancia e o seu debut non puido ser mellor, porque Pablo dominou a proba de principio a fin cunha enorme superioridade sobre os rivais (04:07:43). O segundo posto foi para Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo) que estivo sempre entra as primeiras posicións. Da auga saíu na cuarta posición, pero na bicicleta xa logrou colocarse no segundo posto de onde non se apeou ata o remate (04:23:52). O terceiro posto no podio foi ocupado por Iñaki Pena-Manso (04:28:28), que foi de menos a máis. Na natación era sétimo e rematou o ciclismo na mesma posición. Na segunda transición foi moi rápido e recuperou un par de postos, e na carreira a pe terminou o traballo remontando ata o terceiro posto.
Na categoría feminina, título de campioa galega para Sonia Pariente (GV Sport), que igual que fixera Pablo Dapena na proba masculina, liderou a proba de principio a fin. Así, chegou a meta na primeira posición cun tempo de 05:17:49, mentres que a prata foi para Remedios Carrasco (05:29:10) que tamén fixo unha proba moi regular e o bronce foi para María Jesús Coya (GV Sport) cun tempo de 05:33:29.
Os participantes tiveron que realizar 1.900 metros de natación na praia de Silgar; 90 quilómetros de ciclismo (con continúas subidas e baixadas) e remataron con 21 quilómetros de carreira a pe, nunha mañá desapacible.