PRATA PARA UXÍO ABUÍN NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON SPRINT, MENTRES QUE ANTONIO SERRAT E MARÍA ORTEGA FORON BRONCE

14 de Maio de 2016

Houbo dobrete galego no podio de elite masculina, aínda o ouro resistiuse e acabou en mans de David Castro. Os nosos foron protagonistas durante a proba e así, Uxío Abuín (Triatlon Arteixo) logrou a medalla de prata e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), bronce. Ademais, bronce para María Ortega na categoría feminina.

Os nosos deportistas foron protagonistas dende o inicio, como durante toda a xornada. Tras os 750 metros de natación, lideraba a proba Víctor Benages, pero con Uxío Abuín na quinta posición, Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial) en sexta e Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse), sétimo. Só Antonio Serrat saiu un pouco descolgado da auga (posición 18), polo que lle tocaba remontar, como case sempre.

Na bicicleta formouse un grupo importante de máis de vinte unidades –todos os favoritos estaba nel- e así chegaron a T-2 con todo por decidir, algo que sucede máis habitualmente na distancia sprint. Na saída da transición David Castro e Ricardo Hernández lideraban a proba nun grupo moi estirado, ata que finalmente quedaron en cabeza Castro, Uxío e Serrat.

Así, na carreira a pe, David Castro foi o máis rápido e logrou o título de campión de España (56:34) por diante de Uxío Abuín (56:38) co que tivo unha dura pugna ata o final. Tamén estivo na loita Antonio Serrat, que a falta dunha volta era segundo, pero non aguantou o ataque final de David Castro, e tivo que conformarse co bronce (56:51). O top-5, completouse con outro galego: Pablo Dapena (Cidade de Lugo) cun tempo de 57:04.

Na categoría feminina, última medalla para o tríatlon galego. María Ortega (Tri-Penta Terras de Lugo), deportista do grupo de Alto Rendemento do CGTD, logrou a medalla de bronce.

A proba quedou case definida dende a natación. Sara Pérez e Anna Godoy saíron escapadas, mentres que por detrás formouse un grupillo de tres con Anneke Jenkins, Marta Sánchez e María Ortega. E así comezou o segmento de ciclismo, con Pérez e Godoy en cabeza, ata que Sara Pérez marchou en solitario ata a vitoria, convencida de que se chegaba xunto a Anna Godoy á carreira a pe, non tería opcións de gañar. Desta forma, chegou á T-2 en solitario con máis dun minuto de distancia, pero non foi suficiente. Godoy foi recortando sen cesar ata lograr superala e acadar o título de campioa de España (01:04:37). A prata foi para Sara Pérez (01:04:54) e o bronce para María Ortega (01:05:27), que non puido manter o ritmo de Godoy.

Quizáis che interese…