IRIA RODRÍGUEZ, CAMPIOA DE ESPAÑA DE TRÍATLON NA CATEGORÍA CADETE

14 de Maio de 2016

Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) acadou hoxe o título no Campionato de España de Tríatlon Sprint da categoría cadete. Foi a primeira medalla galega da fin de semana en Águilas.

A nosa deportista, que partía coma un das favoritas na proba, saíu da auga na quinta posición, pero xa na primeira transición estivo moi rápida e comezou a bicicleta na terceira posición. Iria quería o título e así, na primeira volta xa logrou alcanzar a Lucía Salafranca e formouse un grupo de tres deportistas que chegou a T-2. Pero outra vez, a galega foi a máis rápida e xa nos primeiros metros de carreira a pe logrou colocarse na primeira posición. Foi abrindo oco para xestionar despois a distancia e chegar a meta cunha cómoda distancia e cun tempo de 37:24. A segunda posición foi para Lucía Salafranca (37:38) e o bronce foi para Andrea López (38:16).

E non foi a única galega destacada na proba cadete feminina. Tamén fixeron un grandísimo traballo Salomé Calviño (A.D. Fogar) – cunha carreira moi sólida en todos os segmentos – que rematou na décima posición (39:15) ou Inés Castaño (Arcade Inforhouse), que finalizou na 16ª posición (39:35) tras unha boa remontada, ao verse prexudicada pola saída tan masiva na natación. Ambas deportistas están becadas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Na categoría masculina, non tivemos medallas galegas, pero si boas actuacións. Jorge González (Natación Riveira) ocupou á oitava posición cun tempo de 34:16.  Jorge estivo dende a natación entre os oitos primeiros e foi no grupo perseguidor dos tres primeiros xunto Mauro Paredes, aínda que Mauro afundiuse no tramo final (35:42). Ademais, Iván Puentes (Tríatlon Ferrol) foi 14º cun tempo de 34:38, mentres que Arturo Ramos (Talleres David Compostela) foi 19º (34:55). No podio, os favoritos: Javier Romo (ouro), Romaric Forques (prata) e Guillén Montiel (bronce).

As distancias cadete son 750 metros de natación, 9 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe.

 

Quizáis che interese…