ESPECTACULAR CUARTO POSTO DE INÉS SANTIAGO NO MUNDIAL JÚNIOR DE COZUMEL

17 de Setembro de 2016

Inés Santiago acadou a cuarta posición no Mundial Júnior que se disputou na pasada madrugada en Cozumel. A deportista galega loitou ata o final pola medalla de bronce, nun espectacular sprint coa coreana Hye Rim Jeong. Esta medalla de chocolate sabe a moito, pola valentía, traballo e loita da nosa triatleta. Pola súa banda, Carmen Gómez foi 21ª. Quedou cortada na auga e na bicicleta aumentaron as distancias, pero fixo unha moi boa carreira a pe e remontou posicións.

Inés sempre estivo ben colocada, a pesar de que na natación perdeu case medio minuto, o que lle obrigaba a traballar para evitar quedar fóra do primeiro grupo. Carmen Gómez saíu da auga na posición 36 a 46 segundos, e non puido enlazar coas primeiras.

Santiago, xunto a outra española Cecilia Santamaría, si entraron nese primeiro grupo que moi pronto se quebrou ao lograr a alemá Lena Meißner, Therese Feuersinger (Austria) e a estadounidense Taylor Knibb escaparse na segunda volta. O trío moi pronto quedou atrás, ao atacar Knibb e marcharse en solitario a polo triunfo. Así a carreira estaba rota cunha líder valente, dúas deportistas un pouco máis atrás, posteriormente un grupo importante (con Inés) e un segundo grupo  (con Carmen). A estadounidense chegou á  T2 con 30 segundos de vantaxe sobre a segunda e 45” sobre Santiago. Carmen Gómez chegaba a máis de dous minutos e xa sen opcións de loitar polas primeiras posicións.

Quedaban por diante 5 quilómetros nos que parecía que o ouro estaba bastante claro para Knibb, pero faltaba por definir as outras dúas medallas. Con 2,5 quilómetros por diante Inés Santiago, Cecilia Santamaría, Lisa Tertsch e Hye Rim Jeong estaban en dez segundos e a emoción parecía asegurada. Lisa Tertsch, que ía segunda, non deu opcións ás que viñan por detrás e confirmou a prata, mentres que Inés loitou ata o final por arrebatarlle o bronce á coreana. Ambas ofrecéronnos un sprint final marabilloso e emocionante que, desgraciadamente, caeu a favor de Jeong. A medalla de chocolate foi para Inés Santiago, mentres que Cecilia Santamaría quedou quinta. Por detrás, Carmen Gómez fixo unha moi boa carreira a pe na que remontou varias posición ata chegar na 21ª posición.

Hoxe sábado 17 de setembro será o momento das probas de relevos mixtos das categorías júnior e sub 23, así como da proba feminina da Gran Final das Series Mundiais. O domingo 18 chega o prato forte, a Gran Final masculina na que se decidirá o campión do mundo 2016 coa participación dos nosos Fernando Alarza (con opcións de lograr un posto no podio no Mundial) e Pablo Dapena.

 

 

Resultados

Quizáis che interese…