GUSTAVO RODRÍGUEZ TENTARÁ LOITAR POLO PODIO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON DE LONGA DISTANCIA

20 de Outubro de 2016

Os galegos Gustavo Rodríguez e Juan Francisco Fernández Moldes (Tri-Penta Terras de Lugo) participarán este domingo 23 de outubro (08:00 horas) no Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia, que se celebrará en Ibiza. Tamén se celebrará en Ibiza a final da Copa de España de Media Distancia, o que suporá que haberá un total de 525 participantes de 14 nacionalidades.

Gustavo Rodríguez defenderá o subcampionato de España acadado o pasado ano en Ibiza, por detrás de Carlos López. Esta tempada está rendendo a un nivel espectacular. Sen ir máis lonxe, hai unhas semanas acadou a terceira posición no Ironman de Mallorca facendo unha gran remontada na carreira a pe. Así, o tudense enfronta o último reto da tempada con moita ilusión e un pouco canso.Tamén participará na proba o seu compañeiro de club, Juan Francisco Fernández Moldes, ademais de varios representantes nas probas de grupos de idade.

As distancias neste campionato de longa distancia serán de 4 quilómetros de natación na praia de Figueretas, 116 quilómetros de bicicleta e finalizarán con 30 quilómetros de carreira a pe.

Quizáis che interese…