A GRAN FINAL DE LAUSANNE CON CARGADO ACENTO GALEGO.

29 de Agosto de 2019

Lausanne, a capital olímpica acolle o vindeiro sábado 31 a Gran Final das Series Mundiais. Na cidade helvética xa se atopan os triatletas e paratriatletas galegos que este ano seguiron o circuito das World Triathlon Series, Javier Gómez Noya, Antonio Serrat e Susana Rodríguez.

Antonio Serrat chega a esta última competición do circuito internacional no posto vixésimo primeiro do ránking ITU. Para o triatleta vigués está sendo un ano de moito aprendizaxe, xa que tomou parte nun bo número de probas de primeiro nivel mundial e realizando grandes actuacións.

Pola outra banda Javier Gómez Noya chega a Lausanne no terceiro posto da clasificación e con opcións ao título. O ferrolán non depende de si mesmo para alzarse co que sería o seu sexto cetro mundial en distancia olímpica, Javi tería que gañar a proba, Mario Mola ser terceiro e Vicent Luis non acabar entre os sete primeiros clasificados. Aínda que sobre o papel parece complicado que o pentacampión acade o título, estamos ante unha situación idéntica á vivida no 2010 cando o alemán Jan Frodeno chegaba á última proba como o favorito ao título, pero finalmente Gómez Noya foi quen se proclamou campión do mundo.

En canto a Susana Rodríguez, arestora é a líder en PTVI cunha apretada ventaxa sobre a segunda clasificada, veremos se a paratriatleta olímpica e quen de sentenciar co título.

A presenza galega na Gran Final de Lausanne non so se ciñe aos triatletas, posto que a xueza lucense Mónica Flores Ferreiro estará como desenvolvendo as labores de Chief Run nas probas elite e de paratríatlon.

Quizáis che interese…