A selección galega feminina foi a mellor, e cunha enorme diferenza, na proba individual do Campionato de España de Tríatlon Cadete por Seleccións Autonómicas, que se disputou hoxe en Allariz. Carmen Gómez logrou o triunfo, mentres que Inés Santiago foi prata. Na proba masculina, o equipo galego so puido ser sexto, polo que se complica o título na xeral. Mañá celébrase a proba de relevos mixtos.
Na carreira feminina confirmáronse todos os prognósticos. Carmen Gómez e Inés Santiago están sendo as mellores durante toda a tempada e en Allariz (con moita choiva) volveron a facelo. Saíron da auga xuntas e fixeron parte da bicicleta xuntas ata que Carmen logrou escaparse en solitario e volver a lograr un triunfo que amosa unha vez máis que se encontra en un gran estado de forma. A segunda posición foi para Inés Santiago, mentres que Sara Guerrero foi quinta e Carla Castaño, décima. Desta forma, as catro galegas entraron no top-ten.
Pero na proba masculina xa non houbo a mesma sorte. O equipo galego botou en falta a Andrés Cendán, que está disputando o Europeo youth. Desta forma, tres galegos (Alejandro Pardo, Carlos Brión e Marcos Ruiz) entraron xuntos na 11ª, 12ª e 13ª posición, pero Víctor Souto quedou moi descolgado. Así, finalmente Galicia ocupou a sexta posición, polo que iso provocou que na clasificación xeral provisional Galicia sexa segunda empatada a puntos co terceiro, mentres que Valencia ocupa a primeira posición.
O domingo 29 de xuño (11:00 horas) celebrarase a proba de relevos mixto, na que participarán equipos formados por dous homes e dúas mulleres que realizarán un mini-tríatlon. Cada deportista terá que facer 300 metros de natación, 5 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe.