A SELECCIÓN GALEGA FEMININA, PRATA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR AUTONOMÍAS

24 de Xuño de 2017

A selección galega feminina acadou hoxe en Almansa (Albacete) a medalla de prata no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías sénior. Magnífico traballo do equipo feminino, mentres que o masculino acusou as altísimas temperaturas e rematou na novena posición. Na categoría escolar, Galicia masculina quedou á beira do podio (4º), mentres que o conxunto feminino foi oitavo. Mañá celebraranse as probas de relevos mixtos.

Categoría absoluta. Gran traballo do equipo formado por Iria Rodríguez, Joselyn Brea, Sara Guerrero, Inés Castaño, Carla Castaño e Ana María Santiso, que lograron a medalla de prata por detrás de Cataluña. Galicia acudía a esta cita con moitas baixas (Camila Alonso, lesionada; Carmen Gómez, en proceso de recuperación; Inés Santiago, no Europeo), pero aínda así as representantes do tríatlon galego ofreceron a mellor cara. Sara Guerrero foi a mellor das galegas cunha espectacular terceira posición e loitando polo primeiro posto ata o final, mentres que Joselyn Brea foi sétima e Iria Rodríguez, décima. Tres galegas, no top-10. A cuarta galega (a clasificación por autonomías faise coa suma dos catro mellores clasificados do equipo) foi Carla Castaño, na 22ª posición.

Así, Galicia logrou a medalla de prata, por detrás de Cataluña e por diante de Valencia.

Na categoría masculina as cousas foron diferentes. O equipo tamén viaxou a Almansa con moitas e importantes ausencias e iso viuse reflectido no resultado final, a pesares do esforzo e as ganas dos deportistas que defenderon a Galicia (Alberto Castiñeira, Martín Carrera, Marcos Ruiz, Ismael López, Iván Cáceres e Iván Rubio). Ademais, os máis de 40 grados que soportaron durante a proba foron decisivos, xa que os galegos chegaron a meta afundidos.

Alberto Castiñeira, coa sétima posición, foi o galego mellor clasificado, mentres que Iván Cáceres (35º), que tivo unha natación moi complicada e veuse obrigado a remontar, foi o segundo. Tamén puntuaron para o equipo Ismael López (44º) e Martín Carrera (50º), polo que na clasificación por autonomías quedaron moi retrasados, na novena posición. Así, trala suma dos resultados dos dous equipos, Galicia é sexta na xeral provisional. Pese a todo, aínda hai opcións de loitar polo bronce, dependendo do que suceda mañá na proba de relevos mixtos.

Escolar. Os cadetes foron os primeiros en competir coa celebración do Campionato de España Escolar. Aquí, foron os homes os que lograron o mellor resultado e estiveron a piques de subir ao podio, ao finalizar na cuarta posición. A selección formada por Jorge González, Esteban Basanta, Víctor Bouzón e Francisco Gómez tivo unha boa actuación, e rozaron a medalla. O mellor clasificado foi Esteban Basanta na sexta posición, mentres que Víctor Bouzón foi 13º e Jorge González, 15º.

Non estiveron igual de afortunadas as mulleres, que remataron na oitava posición. O equipo feminino estaba formado por Henar Diana Cons, Noelia Serantes, Natalia Castro e Irene Mera, sendo Henar Cons a mellor clasificada, na 15ª posición.

Nesta proba cada equipo esta formado por catro deportistas e puntúan os tres mellores. Mañá celebrarase a proba de relevos mixtos e da suma das tres probas (as dúas de hoxe e os relevos de mañá) sairá o podio da xeral. Trala suma das probas de hoxe, Galicia ocupa a sexta posición con 28 puntos e non moi lonxe do podio.

Quizáis che interese…

Challenge Mogán Gran Canaria

Challenge Mogán Gran Canaria

LoChallenge Mogán Gran Canaria Mañá sábado 24 de Abril, Pablo Dapena e Ivan Raña competirán cos millores triatletas de...