Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) acadou a sétima posición no Campionato de Europa de Tríatlon distancia Sprint, que se celebrou en Düsseldorf (Alemaña). O vigués foi o mellor dos españois e realizou unha proba moi regular. Ademais, Inés Santiago foi 13ª na proba feminina e Uxío Abuín (Olímpico de Vedra), 17º.
Na proba feminina, Inés Santiago estivo sempre entre as mellores. Saíu da auga moi ben situada. Por diante ía un grupo de catro escapadas e a continuación outro de oito, no que se atopaba a galega. Inés, que estivo moi rápida na transición, na primeira volta logrou coller as que ían por diante e formouse un primeiro grupo cabeceiro dunhas 20 unidades aproximadamente. Así, chegaron á segunda transición con este pelotón en cabeza e o segundo, a aproximadamente 1 minuto de distancia. A galega fixo unha mala transición e veuse obrigada a remontar na carreira a pe. Pero Inés non é de renderse, así que foi escalando postos dende a última posición do seu grupo ata chegar a meta na 13ª posición cun tempo final de 01:04:41.
Na categoría masculina, outra moi boa actuación de Antonio Serrat, que volveu a ser protagonista na proba. O vigués fixo unha moi boa natación e saíu da auga no sexto posto, mentres que Uxío Abuín perdeu bastantes segundos, o que lle obrigou a facer un esforzo extra para incorporarse ao grupo principal.
Na bicicleta, con algo de choiva o que facía o circuíto máis perigoso, formouse un grupo de máis de vinte unidades e nel estaban os dous galegos dispostos a loitar por todo. Como ven sendo habitual, Serrat estivo moi activo e moi ben colocado durante o ciclismo, para evitar que calquera posible ataque o deixara fóra da loita polas medallas. Desta forma, así chegaron a T-2 con todo por decidir.
O título e as medallas decidíronse ao sprint e con Serrat no grupo. Impúxose a velocidade de Joao Pereira, que repite título europeo, mentres que Antonio Serrat rematou nunha meritoria sétima posición (57:48) a só dez segundos da medalla de bronce. Pola súa banda, Uxío Abuín non se atopou ben na carreira a pe e chegou na 17ª posición, cun tempo de 58:34. O terceiro español, David Castro, que quedou cortado na bicicleta, foi 28º.