AÍDA VALIÑO E PABLO DAPENA, GAÑADORES DO III TRÍATLON CONCELLO DE POIO

6 de Xullo de 2013

Aída Valiño (Wild Wolf Cidade de Lugo) e Pablo Dapena (Wild Wolf Cidade de Lugo) foron os gañadores do III Tríatlon Concello de Poio, que se celebrou hoxe e no que participaron 310 participantes. Esta proba está incluída no Circuíto Galego de Tríatlon de categorías e ademais é clasificatoria para o Campionato Galego 2013.

 Na proba feminina, Aída Valiño (Wild Wolf Cidade de Lugo) era a favorita absoluta e cumpriu. Foi a primeira en todos os segmentos e chegou á meta cun tempo total de 1:04:15 segundos. A segunda posición foi para Silvia Veira (Arcade) que chegou a 5:32 tras unha boa remontada, mentres que Diana Cotón (Arcade Inforhouse) foi terceira a 06:16.

O resto das gañadoras na categoría feminina son: Alicia Vila( Dexter Tríatlon) en cadete, Diana Cotón (Arcade Inforhouse) en júnior, Silvia Veira (Arcade) en sub 23, Belen Lemat (Wild Wolf Cidade de Lugo) en veterana 1 e o Arcade Inforhouse, na categoría de clubs.

Na proba masculina, tampouco houbo sorpresas, ao proclamarse vencedor do Tríatlon Concello de Poio un dos favoritos, Pablo Dapena, do Wild Wolf. Dapena foi o mellor no primeiro e no segundo segmento, mentres que na carreira a pe baixou o ritmo, ante a vantaxe que levaba. Así, entrou en meta cun tempo de 55:39, mentres que o segundo clasificado foi Luis Miguel Sánchez (Diablillos de Rivas), que chegou a máis dun minuto de distancia (56:53). Ignacio Castro (Arcade Inforhouse) logrou a terceira posición cun tempo de 58:41.

O resto dos gañadores na categoría masculina son: Raul García (Olímpico de Vedra) en cadete; Ignacio Castro (Arcade) en júnior; Santiago Santiago (A.D. Fogar); Adrián Castiñeiras (Náutico de Vigo) en veterán 1; Andrés López (Monte Abaixo) en veterán 2 e Tríatlon Morrazo é o campión na categoría de clubs.

A carreira de Poio disputouse na modalidade de sprint, con 750 m de natación no mar, con saída dende o Porto do Campelo. A continuación os participantes realizaron 20 quilómetros do segmento de ciclismo e finalizaron coa carreira a pe de 5 quilómetros.

 

 

 

 

Quizáis che interese…