Espectacular o traballo de Fernando Alarza e Antonio Serrat na Serie Mundial de Yokohama, que se celebrou esta madrugada. Alarza regresou ao podio, ao lograr a medalla de bronce, e Antonio Serrat, que estivo sempre nos postos de cabeza, rematou nunha magnífica undécima posición. O mallorquino Mario Mola logrou a vitoria, por terceiro ano consecutivo.
Os tres triatletas españois estiveron en cabeza dende o inicio. Saíron da auga perfectamente colocados e así foron na bicicleta sempre nos primeiros postos e controlando a carreira para evitar fugas. Na bicicleta, Fernando Alarza tivo un pequeno incidente ao verse envolto nun enganchón, no que caeron varios triatletas. Afortunadamente, Fernando puido continuar, algo que non lle sucedeu ao noruegués Blummenfelt, que tivo que abandonar a proba. Iso si, o triatleta do Centro de Alto Rendemento do CGTD tivo que facer un esforzo extra para alcanzar ao grupo, que puido pagar nos metros finais.
Así, con todos os favoritos no grupo principal (menos Blummenfelt) todo se ía a decidir na carreira a pe. Da segunda transición saíu moi forte Mola e Serrat tentou seguilo. Finalmente, o mallorquino marchou en solitario e ao remate da primeira volta ía por diante Mola e na segunda e terceira posición, Fernando e Antonio, cuns segundos de vantaxe sobre un grupo dous 10 triatletas.
Pero aínda quedaba moito. O único que parecía claro era que o ouro tiña xa o nome de Mario Mola, coma nos dous anos precedentes. Alarza lograba manter esa segunda posición, mentres que Serrat quedaba neste grupo de dez triatletas que estaba a poucos segundos de Fernando. Mediado este segmento o australiano Birtwhistle logrou pegarse a Alarza o que auguraba unha fermosa loita, xa que ambos son moi bos na carreira a pe e o australiano moi rápido nos metros finais. Por iso, o talaverano con licenza galega tentou deixalo atrás a falta de 1.500 metros e parecía que habería a distancia suficiente, pero Birtwhistle aínda tiña forzas reservadas para atacar e así logrou a medalla de prata por diante de Alarza.
Desta forma o podio quedou formado por Mario Mola na primeira posición (01:44:59), Birtwhistle foi segundo (01:45:40) e Fernando Alarza, bronce (01:45:51). O vigués Antonio Serrat logrou o seu mellor posto nunha Serie Mundial, ao rematar na undécima posición (01:46:24).
Trala proba de hoxe, Mario Mola encabeza o Mundial como líder provisional, con Alarza na segunda posición.
Categoría feminina. Na proba feminina as cousas non foron tan ben para as triatletas galegas. Camila Alonso non puido rematar a proba e Inés Santiago foi a 45ª.