Águilas acollerá esta fin de semana (14 e 15 de maio) os Campionatos de España de Tríatlon Sprint e Acuatlón, así coma o ITU World Paratriathlon Event. En todas as probas Galicia estará representada e en opcións de loitar polos postos altos.
O sábado 14 de maio (a partir das 09:00 horas) celebrarase o Campionato de España de Tríatlon Sprint nas categorías cadete, júnior, grupos de idade e elite (tanto masculino coma feminino).
A primeira proba en disputarse será a cadete masculina (09:00 horas) e posteriormente a feminina (09:40 horas), que son as de maior participación (máis de 300 deportistas). As distancias cadete son 750 metros de natación, 9 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe. Entre os galegos inscritos podemos destacar a Jorge González, no seu primeiro campionato de España, Alberto Tomé ou Javier Romo (categoría masculina) e Iria Rodríguez, Salomé Calviño ou Inés Castaño, na feminina.
Posteriormente celebraranse as probas de grupos de idade (14:00 horas para os chicos e 16:00 horas para as mulleres). As distancias serán de 750 metros de natación, 21 de ciclismo e 5 de carreira a pe.
Júnior: A partir das 17:15 horas (masculina) e 17:20 (feminina) comezarán os Campionatos de España de tríatlon júnior, sobre a mesma distancia que os grupos de idade e elite (750 metros- 21 quilómetros e 5 quilómetros).
Aquí entre os favoritos (masculina) podemos destacar a Alberto González, Javier Llunch, Jesús del Val e os galegos Andrés Cendán e Carlos Brión. Na proba feminina, esperamos ver unha loita dura entre Cecilia Santamaría e as galegas Inés Santiago, Carmen Gómez e Sara Guerrero, coma en tempadas anteriores.
Elite. A proba elite masculina comezará ás 18:45 horas con moitos galegos con opcións de loitar polo podio. Antonio Serrat, Uxío Abuín, Alberto Castiñeira, Diego Paz, Pablo Dapena… serán algúns dos protagonistas aínda que enfronte estarán David Castro, Nan Oliveras ou Ricardo Hernández, entre outros.
Na categoría feminina, María Ortega, Camila Alonso, Silvia Deira ou Marta Barbeito, son algunhas das deportistas galegas presentes en Águilas. Terán difícil tarefa, xa que na liña de saída estarán Estefanía Domínguez, Anna Godoy ou Paula García Godino.
Acuatlón. O domingo 15 de maio celebrarase o campionato de España de Acuatlón e o evento mundial de Paratriatlon.
A competición comezará ás 09:00 horas, coa saída ao ITU World Paratriathlon Event, no que contaremos coa presenza de Susana Rodríguez Gacio, que ademais estreará guía. Nesta proba, Susana competirá por vez primeira con Mabel Gallardo, triatleta de Águilas, xa que para os Xogos Olímpicos a viguesa necesita ter unha guía reserva. Así que será unha proba para ver como funciona o tándem, sen a presión de ter que sumar puntos, xa que Susana ten a súa clasificación olímpica no peto. As distancias serán de 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pe e haberá unha importante presenza de paratrialetas internacionais. Susana terá como máxima rival á Melissa Reid.
A saída cadete masculina será ás 12:00 horas e cinco minutos despois iniciarán a marcha as chicas. As distancias son de 500 metros de natación e 2,5 quilómetros de carreira a pe.
E a xornada continúa sen descanso: Júnior masculino (12:30 horas), júnior feminino (12:35 horas) e grupos de idade (13:00 horas). Para rematar coas probas elite feminina (13:30 horas) e masculina (14:00 horas). En todas estas probas as distancias serán de 1.000 metros de natación e 5 quilómetros de carreira a pe.