A galega Andrea Vidal rematou nunha moi discreta 42ª posición no Campionato de Europa Youth B (categoría cadete) de Péntatlon Moderno, que se celebrou hoxe en Solihull (Gran Bretaña).
Non tivo un bo día Andrea. Na natación rematou na 39ª posición cun tempo de 2:30:04 e posteriormente estivo moi frouxa na combinada, onde se atopou coa dificultade engadida de competir cunha pistola prestada. Na viaxe a Gran Bretaña a compañía aérea perdeu a equipaxe, na que se atopaba o material e finalmente non chegou a tempo, polo que tivo que competir coa pìstola dun compañeiro da selección. Así, a nosa deportista rematou na 42ª posición, no seu primeiro ano na categoría cadete, polo que aínda poderá disputar este Europeo o próximo ano e con moita máis experiencia.
Hai que sinalar que Andrea Vidal viviu unha semana moi complicada a nivel persoal polo que estivo a piques de non viaxar a Gran Bretaña. A Federación Galega quere desexarlle que se recupere canto antes e que poida competir no Mundial e Laser Run, que se celebrará os días 3 e 4 de setembro en Portugal.
Campioa de Europa. Como noticia positiva, indicar que o título de campioa de Europa cadete foi acadado pola súa compañeira de selección, Laura Heredia, que estivo espectacular na combinada, logrando a primeira posición. Tamén competiu a catalá Esther Fernández, que rematou na 28ª posición.
En Gran Bretaña hai tres deportistas españolas na categoría feminina (Laura, Esther e Andrea) e un rapaz na masculina, Nil Rutllan, que foi quen lle prestou a pistola a Andrea. Ademais, como técnico da selección española está o galego Marcos Rodríguez Baliña.